Pireo

Pireo

Cidade do nomós de Ática, situada nas ribeiras do golfo Sarónico (182.671 h [1991]). Centro portuario é, en realidade, o porto de Atenas, cidade coa que forma actualmente un só núcleo homoxéneo de poboación. Ten industrias azucreiras, destilarías, manufactura de tabaco e estaleiros de construción naval. Na Antigüidade acadou importancia cara a 470 a C, cando Temístocles a rodeou con grandes murallas que a uniron con Atenas. Converteuse en bastión da democracia e foi duramente castigada polos espartanos ao final da Guerra do Peloponeso (404 a C). Máis tarde, gozou de prosperidade ata o 86 a C, ano en que foi destruída por Sula.