Pita Romero, Emilio

Pita Romero, Emilio

Poeta e musicólogo. Pertencente á Xeración de 1936 e ligado ao imaxinismo, emigrou a Bos Aires e desde alí colaborou con distintas publicacións galegas e americanas, como Fouce, A Nosa Terra, Nós, Vieiros e Yunque. Na capital arxentina participou activamente nas actividades da Federación de Sociedades Agrarias y Culturales. Interesado pola música, dirixiu o cuarteto vogal Ultreya, labor que compaxinou coas conferencias sobre aspectos musicais dos trobadores e xograres galego-portugueses do s XIII, así como sobre a música popular galega. Nalgunha das súas visitas a Galicia entrou en contacto co galeguismo e afiliouse ao Partido Galeguista. Da súa obra poética, que reflicte sobre todo musicalidade e algúns trazos relacionados co neotrobadorismo, e que trata con emoción e sentimento todo o que ten que ver coa terra galega, destaca o libro de poemas de temática civil Jacobusland (1942), con ilustracións de Castelao, e que constitúe un dos primeiros libros publicados en galego tras a Guerra Civil; nel introduce formas populares e tradicionais, acompañadas de ritmos sinxelos e dalgúns recursos de estilo medievais. É tamén autor de Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959), en que se representa a natureza galega con certos trazos de saudade; O Ronsel Verdegal (1964), en que introduce romances, cantigas e panxoliñas; Serán (1974), con composicións en que mestura recordos de Bos Aires e Galicia; e Polos camiños do pobo (1999), editado postumamente, pero que xa fora presentado polo autor a un concurso literario en 1963. Colaborador de Historia de Galiza (1962), dirixida por R. Otero Pedrayo, para a que escribiu diversos artigos sobre música galega, elaborou tamén unha edición de Queixumes d’os pinos (1940), de Eduardo Pondal. Foi membro correspondente da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires