Pittsburgh

Pittsburgh

Cidade no estado de Pennsylvania, EE UU (334.563 h [2000]). Está situada ao O do estado, onde os ríos Monogahela e Allegheny conflúen para formar o Ohio e constituír o denominado Golden Triangle, núcleo da cidade e centro de negocios. É o principal centro da industria siderúrxica de EE UU e do mundo, sede da United States Steel Corporation. A industria esténdese polos vales dos ríos, que teñen un importante tráfico fluvial. Fundada a mediados do s XVIII como un punto clave para a exploración e colonización do val de Ohio, os franceses construíron Fort Duquesne (1754), substituído polos ingleses (1758) por Fort Pitt ou Pittsburgh. Cara a 1840 iniciou unha forte expansión industrial grazas ás minas próximas de ferro e carbón e á inmigración europea.