Pizarra, A

Pizarra, A

Semanario de educación publicado no Faro de Vigo. O primeiro número saíu o mércores 5 de outubro de 1983 e publicouse durante case cinco anos. Estaba coordinado por Xosé Antonio Perozo e contaba cun consello asesor. Neste consello asesor, formado por pedagogos e docentes, estaba Antón Costa, Manuel Janeiro, Antón Lamapereira, Rafael Ojea e Miguel Vázquez; máis tarde incorporouse Modesto Hermida e, despois, Antonio García Teijeiro e Manuel Bragado, en substitución de M. Janeiro, A. Lamapereira e R. Ojea. Presentouse expresamente como un “órgano de debate no ámbito educacional” en que ademais de artigos sobre política e actualidade educativas, entrevistas a expertos, informes sobre diferentes aspectos da realidade educativa (incluída unha sección, “Viaxe polos colexios galegos”, que proporcionaba fichas das institucións escolares galegas) e reflexións sobre modelos pedagóxicos ou metodolóxicos, incorporaba tamén propostas prácticas para o traballo na aula, en especial no suplemento “O Pizarrín”, dirixido aos pequenos lectores. Tampouco esqueceu facer referencias á literatura infantil e á difusión e comentario de novidades editoriais relacionadas coa educación. Incluíu ademais unha das primeiras mostras de banda deseñada en lingua galega publicada nun xornal de ampla difusión: “As aventuras dun neno galego”, ambientada no período castrexo, con guión de Xesús Franco e Hidalgo Cuñarro, e debuxos de Pedro Ruiz Bofill.