1 planeta

1 planeta

(< lat planēta < gr πλαν)

  1. [ASTRON]
    1. s m

      Cada un dos corpos sólidos que describen órbitas elípticas ao redor do Sol ou, en xeral, dunha estrela. O termo foi utilizado na antiga astronomía para designar os sete astros visibles a simple vista e que se desprazan lentamente respecto ás estrelas (o Sol, a Lúa, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno). Coa teoría heliocéntrica de Copérnico, a Terra pasou a considerarse un planeta, e o Sol e a Lúa deixaron de selo. En 1781 descubriuse Urano, Neptuno en 1846 e Plutón en 1930. Segundo as dimensións, clasifícanse en planetas pequenos, ou de tipo terrestre (Mercurio, Venus, Terra, Marte e Plutón), e planetas xigantes (Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno). Tamén se agrupan en planetas inferiores (ou interiores), que teñen a órbita situada entre a da Terra e a do Sol (Mercurio e Venus), e planetas superiores (ou exteriores), coa órbita máis alá da terrestre, que son todos os demais. Distínguense das estrelas porque os planetas non escintilan. O movemento aparente que presenta un planeta comeza sendo un movemento directo ata que chega ao punto denominado estación (estación dos planetas), para continuar todo seguido con movemento retrógrado e, despois de pasar por unha nova estación, volve desprazarse con movemento directo. As traxectorias reais dos planetas son órbitas elípticas ao redor do Sol, determinadas polas leis de Kepler e, ademais, posúen un movemento de rotación. Respecto ao Sol e á Terra, ocupan posicións relativas diversas (ou aspectos), algunhas, denominadas configuracións, teñen un interese especial, como a conxunción, a oposición e a cuadratura (elongación). Os planetas inferiores presentan fases semellantes ás da Lúa, mentres que nos superiores este fenómeno soamente é parcial. O tempo que tarda un planeta en percorrer totalmente a súa órbita é o período sideral; o que tarda en volver a unha certa configuración é o período sinódico.

    2. planeta dobre

      Planetas ou corpos de masas similares que orbitan xuntos ao redor do Sol ou dunha estrela. No sistema solar o único caso é o de Plutón e Caronte.

    3. planeta pequeno

      asteroide.

  2. s m

    Denominación xeral que recibe a Terra.