Poitiers

Poitiers

Capital do departamento de Vienne, en Poitou-Charentes, Francia, situada sobre un promontorio (83.448 h [1999]). Ten importantes industrias metalúrxicas, eléctricas, de imprenta e de industrialización do coiro. Foi ocupada primeiro polos celtas pitavos e despois polos romanos. Durante a Guerra dos Cen Anos e a causa da Batalla de Poitiers (1356), Francia entregoulla a Inglaterra polo Tratado de Brétigny (1360). Os franceses reconquistárona en 1372, e baixo o Rei Carlos VII (1422-1461) incorporárona a Francia. Do seu patrimonio cultural destacan, da época paleocristiá, o baptisterio de Saint-Jean (s IV) e o hipoxeo merovinxio do Plateau des Dunes (ss VII-VIII). Foi un importante centro da arte románica, con igrexas como Saint-Hilaire-le-Grand (ss XI-XII) e Notre-Dame-la-Grande (ss XI-XII). Da arte gótica destaca a catedral de Saint-Pierre (ss XII-XIII).