polaco -ca

polaco -ca

(< topónimo Polonia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Polonia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Polonia.

  3. s m [LING]

    Lingua eslava da rama occidental do phylum indoeuropeo. Fálase en Polonia, onde é oficial, e en diversos países. Escrita en alfabeto latino, os primeiros documentos lingüísticos polacos datan do s XII, e no XV apareceu o primeiro tratado ortográfico (de J. Parkoszowicz), aínda que en Polonia, ata finais do s XVI, se seguiu a empregar o latín como linguaxe eclesiástica, administrativa, diplomática, científica e literaria. Co Renacemento adquiriu relevo como lingua literaria. Durante os repartimentos de Polonia (1795-1918), os ocupantes intentaron eliminalo, pero isto provocou a reacción contraria. En 1873 creouse a Academia Polaca das Ciencias e aumentaron as obras de investigación lingüística.

  4. arte polaca [ARTE]

    Arte desenvolvida en Polonia. Ten fortes influencias da arte occidental e da arte bizantina rusa. As primeiras manifestacións importantes datan da época románica, e foron construcións erguidas fundamentalmente polos monxes cistercienses de orixe francesa e polas ordes militares alemás. Cómpre destacar a igrexa de Kósciól Mariacki en Cracovia e o primeiro edificio puramente gótico é a catedral de Santo Estanislao de Cracovia (1322-1346). En escultura destacou Veit Stoss, que realizou o retablo maior de Kósciól Mariacki. O Renacemento foi importante en Cracovia, onde traballaron numerosos arquitectos italianos como Battista de Lugano; en escultura destacou Jan Michalovicz, autor da figura xacente de Sjytek Jordan en Cracovia. A primeira igrexa barroca de estilo xesuítico foi a de San Pedro e San Paulo en Cracovia. Durante a etapa barroca, o país atraeu un gran número de arquitectos alemáns, neerlandeses e italianos, que fixeron a igrexa de Santa Ana en Cracovia, e os palacios de Xoán III Sobieski en Wilanov, Wilno e Varsovia. O pintor veneciano B. Belloto introduciu a pintura italiana nos ambientes cortesáns do s XVIII, e no s XIX destacou a pintura histórica de Jan Matejko (1838-1893). O impresionismo cultivárono os pintores J. Stanisawski e J. Maczewski, o modernismo os arquitectos Moklowski e Wikiewicz e os pintores Symanowski, Biegas, Dunilowski e Wimulski. O cubismo foi cultivado por T. Stazewski. A arte moderna estendeuse no s XX a través dos grupos Blok, Formisci Polscy, Grupa Krakowska e Rytm. Despois do realismo socialista da época stalinista, a expresión artística tendeu cara á vangarda.

  5. cine polaco [IMAX]

    Cine realizado en Polonia. O grande impulso cinematográfico veu a partir de 1918, ao se configurar o estado polaco. Desta época cómpre citar os realizadores A. Hertz, W. Bieganski e E. Puchalski. En 1929 constituíuse o grupo Star, que produciu os filmes máis importantes realizados ata aquel momento e que traballou ata o inicio da Segunda Guerra Mundial. En 1945 nacionalizouse a industria cinematográfica e fundouse en èódź o Instituto Nacional de Cinematografía e a empresa produtora Polski Film. Deste período cómpre destacar os filmes Sakazane piosenki (Cancións prohibidas, 1947) de L. Buczkowski, Mlodosc Chopina (A xuventude de Chopin, 1952) e Celuloza (1954) de J. Kawalerowicz. A partir de 1956, co cambio de liña política, apareceron unha serie de realizadores que situaron a produción polaca nun lugar destacado. Cómpre salientar a J. Kawalerowicz, A. Wajda, A. Munk, con Calowiek na torze (Un home na vía, 1956), Eroica (1957) e Pasażerka (A pasaxeira 1961-1963); W. Has, con Rękopis znaleziony w Saragossie (Manuscrito atopado en Zaragoza, 1965); R. Polanski e J. Skolimowski, con Rysopis (Sen sinais particulares, 1964). Posteriormente, Has, Kawalerowicz e Wajda foron os beneficiarios da política de superproducións, mentres Krzysztof Zannusi se revelou como un dos estudosos máis profundos da psicoloxía humana. Como cabeza do grupo X, Wajda desenvolveu os seus filmes máis críticos e contribuíu ao mesmo tempo á formación da tan esperada ‘terceira xeración’, constituída por autores como Agnieszka Holland, Janusz Kijowski, Edward Zebrovski e Krzysztof Kieséowski, quen destacou en todo o mundo coa triloxía cinematográfica Trois couleurs, bleu (1992), Trois couleurs, blanc (1993) e Trois couleurs, rouge (1993). O éxito internacional de Czlowiek z zelada (O home de ferro, 1981) de A. Wajda, quen recibiu un Oscar honorífico polo conxunto da súa carreira en 1999, e a reaparición, no mesmo ano, do mítico Reçe do Góry (Mans arriba), o filme prohibido de Skolimowski, foi o reflexo dunha nova situación política e sindical que o golpe militar de 1981 truncou e que obrigou aos directores a traballar fóra de Polonia. Cómpre citar tamén a interesante tarefa que, dentro do cine de animación, realizou J. Lenica e W. Borowczyk. Coa caída do réxime comunista, desde outubro de 1989, a coprodución con países occidentais, a axuda económica das televisións e a procura de produtores privados pareceu a fórmula de rendibilidade máis apropiada. Como exemplos válidos, 300 mil do nieba (300 millas para o ceo, 1990), de Maciej Dejczer, unha coprodución con Dinamarca que foi galardoada como o mellor filme europeo, e Schindler’s List (1993), de Steven Spielberg, en que participaron algunhas produtoras polacas. Por outra banda, filmes como A débeda (1999), de K. Krauze, Quo Vadis? (2001), do veterano Jerzy Kawalerowicz, e a cinta ambientada en Polonia The Pianist (2002), de Roman Polanski -quen recibiu o Oscar como mellor director e a Palm d’Or en Cannes-, amosan a importancia e a vixencia do cine polaco a escala mundial. Desde finais do s XX, directores como Andrzej Kondratiuk, Marek Kotarski e Jan Jakub Kolski, desenvolven un tipo de cine co que pretenden comunicarse co público a través da descrición do seu propio mundo.

  6. literatura polaca [LIT]

    Literatura escrita en polaco. As primeiras obras localizadas en Polonia eran crónicas en latín, coma os Annales de J. Déugosz (1415-1480). Xa en lingua polaca, consérvanse textos bíblicos, apócrifos, algúns escritos profanos e, sobre todo, o himno do s XIII Bogurodzica (Nai de Deus). O Renacemento iniciou un período de esplendor con F. A. Modrzewski e J. Kochanowski. No s XVII o Barroco está representado, entre outros, polos poetas A. Morsztyn e W. Potocki. Na segunda metade do s XVIII houbo un renacemento importante nas letras, con influencia do neoclasicismo francés, onde destacaron o poeta I. Krasicki e o dramaturgo J. U. Niemcéwicz. No romanticismo hai que salientar a A. Mickiewicz, J. Slowacki e Z. Krasiński, ademais do comediógrafo A. Fredro. A finais do s XVIII, coa perda da súa independencia, Polonia confiou nos seus grandes poetas, verdadeiros heroes para o pobo, a conservación da súa literatura, lingua e idiosincrasia. Cara a 1860 apareceu a reacción inspirada no positivismo, co cultivo da novela realista, en que destacaron o Premio Nobel H. Sienkiewicz, B. Prus e E. Orzeszkowa. O movemento neorromántico da ‘Polonia Nova’ (1890-1910) reuniu poetas tan importantes como L. Staff e K. Tetmajer-Przerwa, o dramaturgo S. Wyspianski, os novelistas S. Zeromski e o Premio Nobel W. S. Reymont. Despois da independencia do país (1918), a literatura abriuse ás tendencias vangardistas, con A. Slonimski, o futurista W. Broniewski, e a narrativa tamén seguiu correntes europeas, con J. Parandowski, W. Gombrowicz e a escritora M. Dabrowska. Cómpre non esquecer o teatro de K. H. Rostworowski e J. S. Szaniawski. Durante a Segunda Guerra Mundial e a ocupación de Polonia, a literatura polaca sobreviviu na clandestinidade. A poesía filosófico-moral da posguerra inmediata buscou unha nova expresión artística en movementos experimentais e, no ámbito do teatro, os temas político-morais, sociais, poéticos e grotescos forneceron unha obra viva, de nivel moi alto, como a de S. I. Witkiewicz. A desestalinización de 1956 marcou unha nova fase da literatura polaca, e moitos escritores amosaron a súa oposición ao réxime establecido. A partir da década de 1960, a literatura cultivada nos gobernos comunistas desenvolveuse a través de dúas vías, a da literatura da emigración, cultivada por Gombrowicz e Herling-Grudzin’ski, e unha literatura que malia a censura, mantiña un estilo propio. Esas limitacións na liberdade de expresión permitiron a conformación da escola polaca de poesía, que se divulgou a outros países, así como a dramaturxia de S. Mroz’ek ou a prosa de J. Andrzejewski, J. Iwaszkiewicz, T. Konwicki e A. Szczypiorski. Cómpre salientar tamén o escritor de ficción científica S. Lem, de notable renome internacional, e a calidade poética de Czeslaw Miéosz, gañador do Premio Nobel en 1980. Tras a caída do comunismo en 1989 xurdiron novas tendencias, representadas na novelística cultivada por P. Huelle, S. Chwin e A. Libera, que procuran raíces espirituais propias na historia máis recente do país.

  7. música polaca [MÚS]

    Arte musical cultivada en Polonia. Á parte da música litúrxica, a primeira obra musical polaca coñecida é o himno da cabalaría polaca medieval, Bogurodzica (s XIII), e o primeiro autor destacado é Nicolao de Radom (s XV). Outros autores vincularon a música polaca a Europa Occidental. Neste sentido influíron especialmente a escola franco-flamenga e Palestrina. Durante o s XVI sobresaíron M. Zieleński e M. Mielczewski, e cara a 1625 o romano M. Scacchi introduciu a ópera na corte. Durante o s XVIII destacou M. Ogiński (1765-1833) e, xa no s XIX, J. Elsner, mestre de F. Chopin e fundador do primeiro conservatorio polaco en Varsovia (1820). Deste tempo cómpre salientar o labor de K. Kurpiński (1785-1857) e dos pianistas F. Lessel e Agatha Szymanowska, precursores de F. Chopin (1810-1849), quen uniu a expresión romántica ao folclore polaco en moitas das súas obras. Esta corrente asumiuna Staniséaw Moniuszko (1819-1852), autor de óperas nacionais. O nacionalismo musical percíbese aínda en autores como Karol Szymanowski (1882-1937), creador de música emocional, e mesmo nalgúns autores que desenvolveron o seu labor ao longo do s XX, como W. Lutoséawski (1913-1994), H. Górecki (1933) e K. Penderecki (1933). Tras a Segunda Guerra Mundial, os compositores polacos, marcados por unha intensa presión, ben decidiron emigrar, como R. Palester, A. Panufnik e R. Maciejewski, ben se centraron no mundo do folclore e na música absoluta, como G. Bacewicz e B. Szabelski. Tras a desestalinización de 1956 destacaron T. Baird e K. Serocki e, na vangarda musical, Wojciech Kilar (1932). No campo da interpretación, especialmente da obra de F. Chopin, destacan os pianistas Józef Hofmann, Ignacy Paderewski e Arthur Rubinstein (1886-1982), mentres que na dirección de grandes orquestras salientan A. Wit, K. Kord, J. Kaspszyk e J. Maksymiuk. A finais do s XX cómpre destacar os cantantes Teresa Z’ylis-Gara, Ewa Podles, Kira Boreczko e Romuald Tesarowicz, os compositores Zygmunt Krauze e Hanna Kulenty, e os pianistas Krystian Zimerman e Piotr Anderszewski, que gozan, todos eles, do recoñecemento a escala internacional.