política

política

(< grπολιτική ‘o goberno da cidade’)

    1. s f [POLÍT]

      Conxunto de actividades teóricas e prácticas referentes ás relacións entre os cidadáns dunha mesma colectividade ou entre diferentes colectividades. No seu aspecto teórico, é o tema de estudo da filosofía política, e o seu obxectivo é reflexionar sobre o feito político en xeral e propoñer posibles fórmulas de relación entre o poder público e os cidadáns, fundamentadas en diversas hipóteses sobre as finalidades da actividade política e os medios para acadalas. Comprendida no campo da filosofía moral, a filosofía política interésase, daquela, polos obxectivos éticos de todo proceso político e non só polo funcionamento do aparato político gobernamental ou pola maneira de actuar dos diferentes organismos de relación entre os cidadáns e o estado. Aínda que, despois da Segunda Guerra Mundial moitos sistemas de goberno evolucionaron cara ao que se chamou tecnocracia ou goberno de técnicos, parece difícil dividir as actividades do goberno dos presupostos éticos que son a orixe e a base de moitas decisión políticas. Doutra banda, os politicólogos consideraron que o seu tema central de estudo era o poder. Despois de afrontalo, tradicionalmente, a través das institucións formais de poder dentro da sociedade (constitucións, goberno, parlamentos), ampliaron xeralmente o alcance das súas investigacións para ocuparse tamén dos organismos directamente relacionados con estas institucións (partidos políticos, grupos de presión) e, máis amplamente, de todas as instancias de poder dentro da sociedade (familia, traballo, asociacións cívicas). Desta maneira, a ciencia política enlaza con outras ciencias sociais como a socioloxía, a antropoloxía e a psicoloxía, e adquire unha definición ampla do termo política.

    2. política agrícola común [PAC] [ECON]

      Conxunto de obxectivos, instrumentos e accións da Unión Europea en favor do desenvolvemento dos sectores agrario, forestal e pesqueiro e da organización do mercado interior europeo nos seus produtos. Ten como obxectivos aumentar a produtividade agraria e o nivel de vida da poboación rural, estabilizar os mercados e garantir o abastecemento de produtos agrícolas a prezos razonables.

    3. política económica [ECON]

      Acción pública exercida sobre a economía para, servíndose de determinados medios, alcanzar uns obxectivos que poden ser de moi diverso tipo. O axente ou suxeito activo son entes públicos aínda que ultimamente se insiste na importancia, para a política económica, das decisións tomadas por grandes unidades e holdings privados. Doutra banda, enténdese como rama da ciencia económica que se ocupa de racionalizar, co estudo e a análise, a acción real dos poderes públicos sobre a evolución e a realidade económicas posibles. Pódese facer unha tipoloxía e clasificación suficiente do contido e orientación das diversas políticas económicas posibles. Nun primeiro termo, pódense atopar as filosofías ou ideoloxías económicas como condicionantes da acción; desde este punto de vista fálase de liberalismo, keynesianismo, intervencionismo ou socialismo, entre outras. Outro enfoque un pouco distinto fala da política económica a medio prazo, tres ou catro anos, e a longo prazo, a partir de cinco anos. Tamén se pode falar da planificación -indicativa ou imperativa- como a política económica global por confrontación coa parcial (un aspecto, obxectivo, sector). Pero a natureza profesional da instrumentación deu lugar á clasificación máis correcta do contido das políticas económicas: a monetaria, a financeira, a fiscal, a do comercio exterior, a de controis directos e outras. As decisións de política económica presentan todos os trazos das decisións políticas e teñen relación coa asignación de recursos e medios escasos para acadar uns obxectivos en principio ilimitados. O proceso da súa elaboración implica os poderes lexislativo, executivo e tamén a administración, a burocracia e os técnicos. O mecanismo polo que a administración obtén os recursos necesarios para a súa actuación (política fiscal) e a forma en que estes recursos son aplicados están estreitamente relacionados coa política monetaria e coa de crecemento. En termos de utilidade pódense agrupar en tres aspectos: pola banda dos ingresos correntes están todos os mecanismos tributarios, o seu deseño global e a súa aplicación efectiva. Ao lado do patrón de ingresos está o dos gastos: o seu repartimento entre necesidades colectivas ou oferta de bens públicos e entre investimentos e consumo público. Son especialmente relevantes as transferencias do sector público ao sector persoal, especialmente por medio dos seguros sociais, posto que son unha peza básica da política redistributiva. O derradeiro aspecto é o das eventuais operacións financeiras, que poden ir desde o endebedamento co banco central ata os préstamos exteriores, pasando pola débeda pública interior. En termos de obxectivos acéptase xeralmente a seguinte polarización en tres eixes: a produción-financiamento de bens ou servizos públicos, medible a través do peso do gasto público dentro do PNB; a distribución da renda; e a política conxuntural, ou de estabilidade.

    4. política exterior e de seguridade común [PESC] [POLÍT]

      Estrutura de cooperación intergobernamental da UE creada polo Tratado de Maastricht. Ten como obxectivos a defensa dos valores comúns, os intereses fundamentais e a independencia e integridade da UE conforme aos principios da Carta da ONU; o fortalecemento da seguridade da UE; o mantemento da paz e o fortalecemento da seguridade internacional; o fomento da cooperación internacional; e o desenvolvemento e consolidación da democracia, o estado de dereito e o respecto dos dereitos humanos. No Tratado de Amsterdam creouse a figura do Alto Representante da PESC que ten como funcións asistir ao Consello da Unión, preparar e poñer en práctica as decisións políticas e dirixir o diálogo político con terceiras partes, cando proceda, en nome do Consello da Unión e a petición da presidencia. O primeiro en ocupar o posto foi Javier Solana Madariaga, desde 1999.

    5. políticas públicas [POLÍT]

      Programas sectoriais e diversas accións que emanan das institucións de goberno como resultado da interacción política.

  1. s f

    Actividade de quen se dedica aos asuntos públicos.

  2. s f
    1. Maneira de actuar ou de conducir un asunto.

    2. Habilidade no trato coas persoas.

Refráns

  • Alá van leis onde queren reis.
  • Deus fai reis; e os homes, leis.
  • Fágase o ben e fágao quen quixer.
  • Fágase o milagre, anque o faga o diaño.
  • O que cala, non di nada.
  • Vivamos todos, que a vida e a terra para iso é de todos.