Poltava
Poltava
Capital da oblast’ homónima, Ucraína, situada na beira do río Vorskla, afluente do Dniéper (313.199 h [1999]). A súa economía baséase na construción mecánica, metalurxia, produción de diamantes sintéticos e industria alimentaria e lixeira. As primeiras mencións sobre a cidade datan de 1174, aínda que co nome de Ltava. En 1430 Lituania cedéullela aos tártaros. Devastada sucesivas veces durante os ss XVI e XVII, chegou a ser potencia cosaca ao pasar a Rusia (1667). En 1709 tivo lugar a Batalla de Poltava en que Pedro I de Rusia derrotou o exército de Carlos XII de Suecia.