Pomerania

Pomerania

Rexión do litoral báltico de límites flutuantes no curso do tempo, entre Prusia, ao L, e Mecklenburg, ao O. Cristianizada por Boleslao III (1086-1138) coa axuda de Lotario II, desde o s XII as terras próximas ao Oder (1135), vasalas de Lotario II, quedaron en mans dos antigos señores, que desde 1170 adoptaron os títulos de duques de Stettin e de Demnin. A zona oriental foi gobernada por duques nominalmente sometidos aos soberanos de Polonia. Conquistada (1308-1309) polos cabaleiros teutónicos, en 1466 reincorporouse ao reino polaco. Dividida e reunificada diferentes veces durante os ss XIV-XVII, en 1522 adoptou o luteranismo, e en 1637, ao se extinguir a vella dinastía eslava, foi obxecto de disputas, que se resolveron no Tratado de Westfalia (1648), atribuíndo a Suecia as bocas do Oder e a Brandenburgo o territorio restante. Os Hohenzollern de Brandenburgo e Prusia adquiriron unha parte da Pomerania sueca pola Paz de Estocolmo (1720) e o resto no Congreso de Viena (1815). Ao acabar a Segunda Guerra Mundial (1945) foi incluída dentro do estado polaco.