Pompeia
Cidade da provincia de Nápoles, en Campania, Italia, situada na aba meridional do Vesubio, na chaira do río Sarno (24.565 h [1991]). Naceu e desenvolveuse no s XIX arredor do santuario della Madonna del Rosario, un dos principais centros de peregrinación da Italia meridional. Ao O sobresaen as ruínas da antiga Pompeia, fundada polos oscos e sometida ás influencias grega e etrusca durante os ss VI e V a C. Ocupada polos samnitas cara ao 425 a C, a partir do 290 a C aliouse con Roma. Pouco despois do sitio de L. C. Sila (91 a C) foi elevada a colonia. A cidade, que chegou a ter uns 25.000 h, era lugar de veraneo dos romanos opulentos. Moi danada por un terremoto no 63 a C, foi completamente sepultada pola grande erupción (79 d C) do Vesubio, baixo unha capa de cinza e de rochas eruptivas. A traxedia, da cal foi vítima Plinio o Vello, foi narrada polo seu sobriño, Plinio o Novo. Desde 1748 intentouse recuperar as súas ruínas, que adoitan presentarse en bo estado de conservación. As escavacións permitiron reconstruír os aspectos sociais e a vida cotiá, cultural, económica e mundana da cidade. A súa área arqueolóxica, xunto coa de Herculano, foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1997).