Ponferrada

Ponferrada

Municipio da provincia de León, Castela e León, cabeceira comarcal do Bierzo (62.175 h [2001]). Está situado na confluencia dos ríos Boeza e Sil na beira do Camiño de Peregrinación a Santiago. As principais actividades económicas son a industria metalúrxica, química, téxtil e mecánica. Destaca tamén a feira gandeira e as centrais térmicas. É a antiga Pons Ferrata, chamada así pola ponte de ferro do s XI que mandou construír Osmundo, bispo de Astorga, para facilitar o camiño aos peregrinos. En 1178 Fernando II doou a cidade aos templarios, que construíron un castelo. En 1340 Afonso XI doou a fortaleza ao conde de Lemos pero en 1486 os Reis Católicos incorporaron a vila á coroa. Contou con diversos hospitais para peregrinos. Do seu patrimonio cultural destaca, ademais do castelo declarado BIC en 1924, o Santuario de Nuestra Señora de la Encina. En canto á situación lingüística cómpre dicir que no municipio de Ponferrada hai algún núcleo galegófono e que na cidade vive un número indeterminado de falantes, procedentes de zonas do Bierzo, que manteñen a lingua galega, ademais dalgúns neofalantes. O Colectivo Cultural Fala Ceibe (1998), con sede en Ponferrada, ten realizado diversas campañas para promover o uso do galego no Bierzo.