pop*

pop*
  1. adx e s m

    Aplícase a un fenómeno cultural que se introduciu na pintura, na música e noutras artes para designar aquilo que é popular, que se inspira en elementos da cultura urbana.

  2. adx e s m [MÚS]

    Aplícase á variedade musical que tivo unha ampla difusión internacional a partir da década de 1960. Naceu da fusión de diferentes estilos musicais, como o jazz, a música country ou o blues, que deu como resultado outro novo estilo coñecido como rock and roll. Da súa evolución xurdiu a música pop, que aglutina numerosas e moi diversas tendencias musicais. Como parte dun fenómeno sociolóxico de gran transcendencia, o impacto que tivo na sociedade nas últimas décadas do s XX foi extraordinario. Coa ‘crise’ temporal do rock and roll na década de 1960 en EE UU, Gran Bretaña tomou o relevo musical e apareceron en escena grupos como The Beatles que revolucionaron o panorama coñecido ata ese momento. Inspirados nos Everly Brothers e aproveitando as mellores calidades do rock e da música negra estadounidense, conseguiron facerse co mercado discográfico e pasaron a ser imitados en todo o mundo. Xunto aos Beatles, os seus máis directos rivais, os Rolling Stones, e outros grupos como The Who, Hollies ou Manfred Man, deron nome ao que se coñece como ‘invasión británica’ no eido musical. Neses anos xurdiu tamén un novo xeito de difundir a música, os grandes concertos ao aire libre en macrofestivais, dos que destacan o de Woodstock, en New York, e da illa de Wight, en Inglaterra. Na década de 1980, a aparición dos primeiros sintetizadores provocou cambios significativos na música pop, que incorporou novos sons (tecno pop) e no que destacaron grupos como OMD, Ultravox e Depeche Mode, e os compositores Vangelis e Jean M. Jarre. No ámbito do pop máis estrito, cómpre salientar os grupos Queen e Dire Straits, e os solistas Bruce Springsteen e Michael Jackson, quen editou o seu álbum Thriller en 1982, o disco máis vendido de todos os tempos. Coa chegada da década de 1990 e o novo século xurdiu a ‘música para unha nova era’, coñecida como new age music, en que destacaron M. Nyman, Enya ou Mike Oldfield. Nesta mesma década, a música pop reflectiu o protagonismo da muller na sociedade, e apareceron nomes como Mariah Carey, Whitney Houston, Madonna ou Tina Turner. Aínda que xa publicaran algúns discos na década anterior, U2 triunfou sobre todo tras a publicación do seu álbum The Joshua Tree (1987). Outro compositor e cantante destacado destes anos foi Elton John, autor do single máis vendido da historia, Candle in the wind (1997), e en canto ás agrupacións, dentro do denominado como brit pop cómpre salientar a Oasis, Blur, The Velve e Coldplay. O fenómeno dos fans manifestouse de forma rotunda ante algúns quintetos de éxito como as Spice Girls en Reino Unido e os Backstreet Boys en EE UU. Co inicio do s XXI cobrou forza o pop de orixe latina.

Palabras veciñas

Poona | Poopó | Poor Laws | pop* | Pop, Sever | pop-art* | popa