poro

poro

(< lat poru < grπόρος ‘vía, pasaxe’)

  1. s m
    1. [ANAT]

      Pequeno orificio case imperceptible, especialmente nunha membrana animal ou vexetal.

    2. Extremo exterior dun conduto estreito.

  2. s m [FÍS]

    Intersticio entre as partículas ou moléculas que constitúen un corpo. A presenza de poros nun sólido fai que poida ser atravesado por un líquido, de acordo co fenómeno da capilaridade.

  3. s m [ZOOL]

    Orificio que nos poríferos permite a entrada de auga na parede do corpo (poro inhalante) ou na cavidade central ou gastrovascular (poro exhalante).

  4. [BOT]
    1. s m

      Orificio dunha parede celular ou dun órgano vexetal.

    2. s m

      Abertura xerminativa arredondada dun gran de pole, a través da que sae o tubo polínico, grazas á finura que ten a exina. OBS: Tamén se denomina poro xerminativo.

    3. poro areolado

      Perforación das traqueidas, con resalte que comunica as células adxacentes.

  5. s m [XEOL]

    Pequena greta ou espazo oco que hai entre as partículas do solo.

  6. s m [ZOOL]

    Orificio por onde saen diversos produtos de excreción, como a suor ou o sebo, (poros excretores), produtos sexuais (poros xenitais), excrementos (poros anais) ou secrecións (poros secretores). Tamén teñen función respiratoria, como os estigmas dos artrópodos terrestres, ou producen hormonas, como o da glándula verde dos crustáceos, ou teñen feromonas, como no caso dos lepidópteros.