Porriño, Santa María de
Igrexa parroquial situada no Porriño. No seu terreo existiu un antigo edificio construído no s XVI baixo a advocación de san Xurxo. En 1778 tiña a advocación da Nosa Señora do O e en 1809 xa tiña a denominación de Santa María baixo a advocación da Purísima Concepción. En 1909 comezaron as obras de reedificación da nova igrexa, baixo un deseño de Manuel Felipe Quintana Ochaita, que se inaugurou en 1913. Construída en estilo neogótico, aproveitouse da antiga igrexa a fachada, na que se abriron inferiormente dúas estreitas fiestras e se substituíu a portada e a fornela por unha porta rematada nun arco apuntado que acubilla unha vidreira gótica. Substituíuse tamén a fiestra rectangular por un óculo e levantouse o corpo superior de remate en vertical. Aproveitouse o primeiro corpo da antiga torre e fíxose de novo o segundo. Ten planta de cruz latina cunha única nave, cruceiro e unha soa ábsida poligonal. Os tres tramos da nave, os laterais do cruceiro e o corpo que precede á ábsida, cóbrense con bóvedas sexpartitas e o cruceiro cunha de oito panos.