Portela Fernández-Jardón, César
Arquitecto. Doutor Arquitecto pola Escuela Superior de Arquitectura de Madrid (1968) e catedrático de Proxectos Arquitectónicos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña desde 1990, as súas obras caracterízanse polo estudo do espazo, integrando as construcións na contorna, afastándose da sección limitada e cúbica, e destacando o espazo interior. Achegou elementos diferenciadores da cultura galega, nun compromiso ético e estético, e preocupouse pola arquitectura moderna, pero respectando as formas autóctonas. Realizou múltiples obras e proxectos de planificación urbana e territorial. Destacan entre outros o plan especial de intervención no Pazo de Oca e arredores (Premio Nacional de Urbanismo, 1981), a rehabilitación da carballeira de santa Miña e novas edificacións e a súa contorna (Medalla de ouro do Consello de Europa, 1982), a rehabilitación do castelo de Soutomaior (1982), o plan especial do Camiño de Santiago na provincia da Coruña (1992), a facultade de Belas Artes e Restauración de Pontevedra (1993), o faro de Punta Nariga en Malpica (1995), a Domus-Casa do Home da Coruña (1995), realizada con Arata Isozaki, e pola que recibiu diversos premios entre eles o Premio Internacional de Arquitectura en Pedra (1997), o Plan director das Illas de San Simón e San Antonio na ría de Vigo (1998), a Estación de Autobuses de Córdoba (Premio Nacional de Arquitectura, 1998-1999), o cemiterio de Fisterra (2002, seleccionado para o Europa Union Prize for Contemporany Architecture Mies van der Rohe Award), o Museo do Mar de Galica en Vigo con Aldo Rossi (2002), o Verbum-Casa das Palabras de Vigo (2003) e o novo Palacio de Congresos da Coruña (2003). Recibiu tamén o Premio Galicia de Arquitectura (1990), o Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro (1997), o Premio Pontus Veteris da delegación de Pontevedra do COAG (1999) e o Premio das Artes e da Ciencia na categoría de artes plásticas e arquitectura (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra