Porto

Porto

Capital do distrito de Porto, Portugal, situada no Douro litoral (263.131 h [2001]). O desenvolvemento da cidade beneficiouse da súa situación favorable á beira dereita do Douro, onde desemboca. A expansión da cidade absorbeu os núcleos de Leça da Palmeira, São Mamede de Infesta e Águas Santas. Centro dunha comarca famosa polos seus viños, é tamén centro industrial, con industrias téxtiles, do coiro, da cerámica, de conservas, de fundicións e de fabricación de pneumáticos. Chamada Portus Cale polos romanos, formou parte do estado dos suevos (411-585) e dos visigodos (585-711). En 716 apresárona os árabes, que foron expulsados por Afonso I e no s XIX foi un gran centro liberal. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral (ss XII-XIII) e a igrexa de Cedofeita, ambas as dúas románicas, a igrexa de Santa Clara, de estilo gótico tardío, e a barroca de São Pedro dos Clérigos (s XVIII). O centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1996).