Porto Dapena, José Álvaro

Porto Dapena, José Álvaro

Lexicógrafo. Doutorouse en Filoloxía Románica na Universidad Complutense de Madrid en 1972, universidade na que foi profesor (1970-1997). En 1997 pasou, como catedrático de Lingua Castelá, á Universidade da Coruña.

As súas liñas de investigación céntranse na gramática e na lexicografía da lingua castelá, sen deixar de lado a filoloxía galega. Comezou traballando no Seminario de Lexicografía da Real Academia Española, onde participou na elaboración do Dicionario histórico de la lengua española, e, en 1974, trasladouse ao Instituto Caro y Cuervo de Bogotá para encargarse da continuación do Dicionario de construción y régimen, de R. J. Cuervo, obra da que chegou a redactar case todo o tomo III (letra E) e da que posteriormente escribiu unha monografía: Elementos de lexicografía: el “Dicionario” de Cuervo (1980).

En relación con este mesmo campo dirixe o proxecto de elaboración do Dicionario “Coruña” de la lengua española, que pretende ser asemade un dicionario semasiolóxico e onomasiolóxico ou ideolóxico, e tamén publicou Manual de técnica lexicográfica (2002). No campo da filoloxía galega cómpre destacar o seu libro El gallego hablado en la comarca de Ferrol (1977). É membro correspondente da Real Academia Española de la Lengua.

Colabora no Diario de Ferrol, onde escribe todos os domingos un espazo titulado "Con nome propio" no que trata, preferentemente, a toponimia da comarca de Ferrol.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : San Xiao de Narón