Porto Rey, Francisco

Porto Rey, Francisco

Escritor. Comezou os estudos de dereito, pero deixounos para dedicarse principalmente á literatura e ao periodismo. Colaborou en periódicos como El Ciclón, El Cínife, Faro de Vigo, Galicia e Villagarcía-Carril, e en El Eco de Galicia de Bos Aires onde publicou unha serie de “Cróneca(s)” de actualidade e algunhas narracións. Na súa faceta como escritor adoitaba asinar as obras como Farruco Porto Rey. Publicou varias obras bilingües como Las mil y una composiciones (1894) e Pisto (1894). En galego escribiu os poemarios Papel e tinta (1901), o diálogo en verso O alalá (1906) e Cascarrabias ou o filósofo das carqueixas (1912), a novela costumista Fermosinda (1918) e a comedia teatral A tola de Sobrán (1927), estreada polo Cadro de Declamación da Irmandade da Fala da Coruña en 1920. Escribiu ademais Dicionario gallego-castellano, que publicou en fascículos ata o 17 de xuño de 1900 (nº 6), no semanario Villagarcía-Carril, e que foi reeditado pola Real Academia Galega (2000). A maior parte deste dicionario consérvase en folios manuscritos, aínda que moitos deles non presentan unha redacción definitiva. É un dicionario bilingüe coas entradas en galego -só recolle como lemas as formas galegas distintas do castelán- e as definicións e equivalencias en castelán. Conta con preto de 15.000 entradas e nel refúndese o material dos traballos lexicográficos precedentes. A principal fonte de referencia é o Dicionario gallego de Cuveiro Piñol. Recompila moitos lemas directamente da fala, de obras literarias e doutros textos escritos e inclúe léxico de diferentes épocas, abranguendo desde o rexistro máis literario ao máis vulgar. Reproduce variantes ortográficas, morfolóxicas e dialectais e recolle a fraseoloxía popular, léxico específico da flora e da fauna, e topónimos e antropónimos. Como novidade con respecto aos dicionarios anteriores, proporciona a categoría gramatical dos lemas, e inclúe outros datos como a procedencia ou o étimo da palabra e a delimitación do campo do saber ao que pertence. Foi académico correspondente da Real Academia Galega (1908).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilagarcía de Arousa