Portugal

Portugal
Nome científico: [nome oficial: República Portuguesa]

Estado de Europa Suroccidental que se estende amodo de rectángulo duns 560 km de longo por uns 220 km de ancho sobre a fachada atlántica da Península Ibérica. Limita ao N e ao O con España e ao S e ao L co Océano Atlántico (92.142 km2; 10.355.824 h [2001]). A súa capital é Lisboa.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Morfoloxicamente o país é unha continuación de La Meseta castelá, da que constitúe o extremo occidental, polo que forma parte da mesma estrutura xeolóxica que o territorio español: un zócolo paleozoico formado por sedimentos primarios intensamente pregados, metamorfizados e inxectados con formacións graníticas sobre as que se acumularon capas sedimentarias que os movementos tectónicos terciarios fracturaron e determinaron a grandes trazos o relevo actual. En conxunto, o relevo portugués preséntase como un mosaico de altiplanos desecados de altura variable, que no sector setentrional amosa un relevo máis contrastado. A superficie de La Meseta estivo afectada por numerosas fracturas transversais que dividiron o zócolo nunha serie de bloques alongados e desnivelados mentres que o sector meriodional só sufriu un basculamento cara ao Atlántico. De N a S pódense distinguir catro sectores. O sector N (entre o Douro, o Minho e Trás-os-Montes) está formado por un conxunto de relevos de formas redondas que constitúen superficies de erosión cortadas polos vales e depresións tectónicas, con altitudes superiores aos 1.300 m. Destacan as serras de Gerês (1.400 m), Marão (1.329 m) e Montemuro (1.282 m), entre outras. Cara ao L estas serras perden altitude e as súas achairadas cimas confúndense con La Meseta, da que están separadas polo Douro, mentres que cara ao O forman unha ampla banda de outeiros que descenden en altura a medida que se aproximan á costa. A Beira e a depresión do Tejo contitúen o sector central, unha penechaira de entre 900 e 600 m que baixa suavemente desde o N e que se divide en Beira Baixa e Beira Alta pola prolongación do Sistema Central español. Neste sector acádase a máxima altitude do país na serra da Estrela (1.991 m), unha aliñación montañosa constituída por granitos e formada por diversos altiplanos graduais. Ao S da Beira Baixa ábrese a ampla depresión do Tejo e do Sado, que cuns 100 km de ancho modela o territorio de NL a SO e sinala a división entre as terras baixas do S e as altas do N. Percorrida polo baixo Tejo, é a maior chaira do país formando unha conca sedimentaria de area e arxila que presenta no seu bordo setentrional unha fronte escarpada limitada polas fallas, mentres que o sector meridional está formado pola flexión suave da penechaira do Alentejo. Esta penechaira, que se corresponde co zócolo paleozoico arrasado de La Meseta e o macizo do Algarve, forman o sector meridional. É unha rexión de terras baixas entre os 100 e os 200 m onde se levantan varios relevos residuais (Estremoz), limitada na súa parte meridional pola serra do Algarve, extremo meridional do país. Portugal ten 850 km de costa que se estenden desde a desembocadura do Minho ata a do Guadiana. En xeral é unha costa rectilínea e baixa, os accidentes máis importantes son os esteiros dos ríos e os cabos Mondego, Roca, Carvoeiro e São Vicente. Abundan as dunas e as barras de area, que nas desembocaduras dos ríos forman, nalgúns casos, terreos pantanosos e albufeiras.
Climatoloxía e hidrografía
O territorio portugués inscríbese pola súa latitude no clima mediterráneo, pero a proximidade ao Atlántico determina un aumento de chuvias no inverno e unha atenuación das temperaturas estivais, xa que a influencia oceánica está modificada pola presenza das montañas. Os territorios máis altos reciben unhas precipitacións que sobrepasan os 2.000 m anuais, mentres que na costa están ao redor dos 1.000 mm, e no extremo meridinal e nos lugares máis abrigados non chegan aos 500 mm. Unha destas rexións é o val oriental do Douro, coñecida como terra quente, en que se forma un microclima, no que as temperaturas son moito máis suaves ao longo de todo o ano que nas terras circundantes. Os veráns calorosos e os invernos fríos cunha certa tendencia á continentalidade, propio das terras do interior, opóñense aos veráns relativamente fríos e aos invernos suaves das rexións litorais. No S hai un clima tipicamente mediterráneo. A maior parte do territorio portugués pertence hidrograficamente ás concas dos grandes ríos españois Tejo, Douro e Guadiana, que proveñen de La Meseta castelá. O Tejo é navegable practicamente en todo o seu treito portugués por embarcacións de pouco calado; os seus principais afluentes son o Zênere pola dereira e o Sorraia pola esquerda. O Douro recibe ao Sabor, Tua e Támega pola dereita e ao Côa pola esquerda. O Guadiana e o Minho son ríos fronteirizos, entre España e Portugal, aínda que o Guadiana entra no territorio portugués e rega parte do Alentejo. Os ríos propiamente portugueses son poucos e curtos; o máis importante é o Mondego, seguido do Vouga e do Sado.
Vexetación
A vexetación da parte setentrional do país, ata a liña Coimbra-Castelo Branco, é de carácter atlántico. O bosque ocupa o 35,7% do territorio, dominado polo carballo, e nas zonas con menor humidade polo cerquiño. Ao S desta liña e na parte continental da conca do Douro a paisaxe é, en xeral, boreomediterránea. No bosque natural predominarían a sobreira, a aciñeira, a carrasca e nalgunhas ocasións a garriga arbórea. A relativa humidade do clima fai que nos extremos fríos tamén existan carballos e nas zonas de ribeira, amieiros. No extremo meridional do Algarve a paisaxe é de carácter austromediterráneo e a vexetación alterna carrasca e lentisco. A vexetación das partes altas da serra da Estrela é a continuación do Sistema Central e manifesta unha certa influencia boreo-alpina. En todo o país a vexetación autóctona está moi alterada, xa que a especie principal é o piñeiro que no N cobre terras atlánticas e nas mediterráneas altérnase coa estepa. Outra especie de repoboación que cobrou grande importancia, sobre todo na costa, foi o eucalipto.
Xeografía económica

Sector primario
O sector primario ocupa ao 13% da poboación activa e a superficie destinada a cultivos é do 31,5% da superficie global, pero o sector primario só achega ao PNB o 4% do total. Portugal é un país esencialmente agrícola, pero as técnicas agrarias rudimentarias, a existencia de grandes latifundios no S, en que se practica a arboricultura mediterránea, e de minifundios no N, son en gran parte os culpables desta baixa rendibilidade. No N domina a pequena propiedade na que se practica unha agricultura de subsistencia con febles rendementos. No S, onde dominan as grandes propiedades, practícase unha explotación extensiva con cultivos de barbeito. Esta situación orixina unha agricultura que non cobre as necesidades do país, malia dedicar grandes extensións ao cultivo de cereais. A produción de trigo concéntrase principalmente no Alentejo; o segundo cereal en importancia é o millo, que se cultiva sobre todo no N, seguido doutros de menor importancia como o centeo, a cebada e o orxo. Son tamén importantes os cultivos de arroz, patacas, legumes, tomates e froita; e destaca a produción de peras, melocotóns, limóns, pomelos, laranzas e, nas illas, bananas. Con todo, a maior riqueza agrícola de Portugal é a vide, que ocupa unha extensión de 210.000 ha e sitúa a Portugal no décimo primeiro posto dos principais produtores mundiais de viño. Das comarcas vinícolas máis destacadas está o val do Douro, onde se produce o Porto, un dos viños de máis sona do país; destacan tamén o viño de Colares na comarca de Sintra e o moscatel de Setúbal. A oliveira cultívase principalmente no centro, ocupa menor extensión ca a vide, aínda que Portugal ocupa un lugar destacado entre os principais produtores mundiais de aceite, pero está ameazado pola introdución de novas oleaxinosas. A principal riqueza forestal está representada pola produción de cortiza, da que o país é un dos maiores produtores mundiais. As sobreiras ocupan unha extensión de 680.000 ha, que se estenden polo Alentejo e polo val do Tejo (Ribatejo). A produción madeireira de piñeiro, carballo e eucalipto expórtase tamén en parte. Aprovéitanse as landras doces para o gando porcino, as castañas e a resina. A gandaría ocupa un lugar secundario e está pouco desenvolvida, ocupa o primeiro lugar o gando de la, seguido do porcino e do bovino. A pesca é unha actividade importante para as poboacións da zonas costeiras. En 1999 capturáronse 207.707 toneladas. A especie principal é a sardiña, que alimenta a unha importante industria conserveira, seguida pola pescada, o bacallao, o atún, o bocarte e as ostras. Os portos principais son Setúbal, Aveiro, Peniche, Figueira da Foz, Porto e Viana do Castelo.
Minaría e industria
A riqueza mineira de Portugal é considerable, pero está modestamente explotada. Na súa produción destacan as piritas cupríferas ou calcopiritas, que están explotadas na súa maior parte. Outros minerais de importancia económica son o tungsteno, do que Panasqueira é un dos xacementos máis importantes de Europa, o estaño, o carbón (antracita en boa parte), o ferro, o manganeso, o sal, a prata, o cobre e os produtos de cantaría, como a pedra calcaria, o mármore e o caolín. Dos minerais enerxéticos, ademais de carbón, tamén se extrae uranio. Falto de hidrocarburos, Portugal ten que importar, sobre todo petróleo. A principal fonte enerxética é a enerxía hidroeléctrica, cunha potencia instalada de 4.501.000 kW, dun total de 9.787.000 kW, pero non chega para abastecer ao mercado e impórtase de España. O sector industrial dá traballo ao 36% da poboación ocupada. A industria baséase na importación de materias primas, como oleaxinosas, ferro, algodón e outras fibras téxtiles e fontes de enerxía, como carbón, petróleo e gas natural. Os sectores principais son o da confección e o téxtil, o da metalurxia, o da alimentación, o químico e o da madeira e o papel. A industria téxtil é a de máis ampla tradición, principalmente a algodoeira, que é a máis desenvolvida e que se localiza ao N do Douro (Guimarães, Vila Nova de Famalicão, Porto, Vila Nova de Gaia e Santo Tirso). A industria da la, a de fibras artificiais e a das sintéticas están máis espalladas polo territorio. A artesanía de brocados, punto e encaixes deixou paso á confección de camisetas deportivas para empresas alemás. En canto á siderurxia, de creación recente, destaca unha planta de grande importancia en Seixal e outra en Leixões. A metalurxia de base, ademais da de ferro, cobre, aluminio, estaño e chumbo, é insuficiente. Destacan tamén as fábricas de montaxe de automóbiles e vehículos comerciais en Vendas Novas e Azambuja, e as construcións navais en Lisboa e Setúbal. Tamén de recente creación e moi dinámica é a industria química, na que o investimento de capital estranxeiro ten moita importancia. Unha das fábricas máis importantes é a do grupo CUF (Companhia União Fabril), preto de Lisboa. Portugal fabrica pneumáticos e outros artigos de caucho, plásticos e resinas, ademais de ácidos sulfúricos, nítricos, clorhídricos e sosa. Tamén destaca o complexo petroquímico de Cabo Ruivo, entre o Tejo e o N de Lisboa. Das industrias alimentarias, as principais son as conservas de peixe, as vinícolas e as de produción de aceite, seguidas das lácteas, de produción de azucre, cervexa, conservas de froita e hortalizas e de pensos compostos. Outras industrias salientables son as de fabricación de cemento, curtidos, calzado, pasta de papel, papelaría e elaboración de cortiza. Moi característica e estendida é a fabricación de cerámica e azulexos de maiólica. Menor importancia teñen as industrias de aparellos eléctricos, telecomunicacións, reloxios, xoiaría e tabaco.
Servizos
O sector terciario é o que ocupa ao maior número de poboación activa co 51%. Este sector sufriu unha evolución moi positiva da man do turismo, peza clave na economía portuguesa. Os elementos artísticos, arquitéctonicos e naturais, ademais do clima temperado, atraen a máis de 12 millóns de turistas ao ano, o que supuxo uns ingresos en 2001 de 6.118 millóns de euros. O principal mercado emisor é Reino Unido, seguido por Alemaña e España. Os valores máis elevados de turistas correspóndenlle a Lisboa, seguida do val do Tejo e do Algarve. A política turística do goberno céntrase no desenvolvemento e o fomento do turismo termal nas zonas do N, Beira, Porto, Lisboa e val do Tejo; do turismo náutico nas zonas do Algarve, Lisboa, Madeira e Açores; e do turismo de natureza no N, nos vales dos ríos e nas serras. O turismo de sol e praia é un dos produtos turísticos máis consolidados do mercado portugués, xeralmente masificado en zonas xa saturadas, agás certos enclaves cunha oferta diferente e de elevado nivel de calidade, centrado nas zonas do Algarve e nas illas de Madeira e Açores, e ocupado principalmente polo mercado alemán e inglés. O turismo cultural preséntase como un produto diversificado para estancias curtas de dous a catro días, ou en forma de circuítos centrados en Lisboa. Este turismo xerou ao seu redor unha infraestrutura turística que vai desde os grandes hoteis ata os pequenos comerciantes.
Comunicacións e o comercio exterior
Hai 2.794 km de vías de ferrocarril, dos que 873 km están electrificados (1998), e 68.770 km de estradas e 797 km de autoestradas (1997). Algúns ríos son navegables, pero só se aproveitan os 124 km do Tejo. O porto principal é Lisboa, fluvial, importador e de pasaxe, pero supérao en volume o porto petroleiro de Sines. Lisboa ten tamén o primeiro aeroporto. O comercio exterior portugués baséase na exportación de confección de produtos téxtiles, pasta de papel, maquinaria e equipamento de transporte, produtos agrícolas, como o viño; forestais, como a cortiza e derivados da madeira; conservas de peixe, e xoiaría e similares; e importa principalmente petróleo e derivados, elementos e compostos químicos, maquinaria eléctrica, automóbiles e algodón. Os principais provedores son EE UU, Alemaña, España, Francia, Reino Unido, Arabia Saudí, Italia e Países Baixos, mentres que os principais clientes son Reino Unido, Alemaña, Francia, EE UU, Países Baixos, España e Italia. A balanza comercial é claramente deficitaria.
Economía
Economicamente, Portugal é un dos países menos desenvolvidos de Europa. A perda das colonias e os cambios políticos desde 1974 representaron o inicio dunha transformación da economía, na que ten un papel moi importante a intervención estatal. Durante moitos anos a estrutura da propiedade foi un freo para o desenvolvemento da agricultura e a industria, xa que estaban as dúas en poucas mans. O desenvolvemento económico centrouse case exclusivamente en tres áreas: Porto, Lisboa e Setúbal. A partir da revolución do 25 de abril de 1974 o goberno promulgou unha serie de medidas de política económica que transformaron profundamente o país, mellorando socialmente e nacionalizando diversos sectores económicos. Malia que o proceso foi decrecendo, aínda hai moitas empresas nacionalizadas e de intervención estatal. Por outro lado, desde 1976 producíronse moitas expropiacións agrarias para modificar a estrutura deste sector. O proceso de descolonización comportou certas dificultades polo que respecta á obtención de materias primas e representou unha avalancha de repatriados. Tamén retornaron moitos traballadores emigrados, feito que explica a diminución de divisas desta orixe. O déficit exterior da economía portuguesa soportouse grazas ás reservas anteriormente acumuladas. Desde a súa incorporación á Comunidade Económica Europea en 1986, a economía do país mellorou grazas ás axudas comunitarias que supuxeron un investimento anual equivalente ao 3 ou 4% do seu PIB. Nos últimos anos os investimentos nacionais e extranxeiros aumentaron e as infraestruturas modernizáronse. Deste xeito, Portugal puido formar parte do primeiro grupo de países fundadores da zona euro.
Xeografía humana

Demografía
A poboación comezou a rexistrar un incremento elevado a partir do s XIX, cando pasou dos 3,1 millóns que tiña en 1800 a 5,1 millóns en 1900. Pola vocación mariñeira e colonial, Portugal tivo unha longa tradición emigratoria a terras transoceánicas que comezou no s XX e que ata a Primeira Guerra Mundial acadou altas taxas; a maior parte dos emigrantes dirixíronse a Brasil e EE UU. A cifra de 80.000 portugueses que deixaban o país cada ano estabilizouse en 1935 en 35.000. Non obstante, foi na década de 1960 cando acadou a máxima intensidade, xa que se calcula que entre 1964 e 1969 deixaron o país máis de medio millón de portugueses, sen contar a emigración clandestina, que se dirixiron cara a Europa, principalmente Francia, Alemaña, Reino Unido e Suíza. A partir de 1937, por mor do proceso de independencia das colonias africanas (Moçambique e Angola, principalmente), diminuíu o ritmo emigratorio e comezaron a producirse retornos de emigrantes en masa. A taxa de crecemento natural é do 0,8‰ (1999), a taxa de natalidade é do 11,6‰ e a de mortalidade do 10,8‰. A pirámide de idades indica a existencia dun 25% da poboación con menos de 20 anos, un 60% entre 20 e 64 anos e un 15% con 65 anos ou máis.
Poboamento
A distribución territorial da poboación presenta unha notable diferenza; as rexións litorais do centro e do N (Lisboa e Porto), teñen unhas densidades superiores aos 150 h/km2, mentres que no resto do país as densidades non chegan aos 40 h/km2. A poboación urbana representa o 37% da poboación total (1998) e basicamente se concentra nas únicas dúas cidades que superan os 200.000 h, Porto e Lisboa. Séguenlle en importancia Amadora, Coimbra, Vila Nova de Gaia e Setúbal, todas elas situadas preto da costa, de relativa importancia comercial ou portuaria.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Da poboación de Portugal, o 92,2% profesa oficialmente a relixión católica, aínda que tamén existen pequenas comunidades formadas por outras confesións cristiás, musulmás, xudías e hindús. O territorio portugués está dividido en tres provincias eclesiásticas, rexidas cada unha por un bispo (Braga, Évora e Lisboa), e 19 dioceses. A Igrexa Católica ten unha facultade de filosofía en Braga, pertencente aos xesuítas, e a Universidade Católica Portuguesa de Lisboa (1968). Posúe tamén unha cadea de radio que durante a Revolución de 1974 foi ocupada polos traballadores, pero que o goberno socialista devolveu cunha indemnización. O réxime en que vive a Igrexa co Estado é de separación, segundo unha Concordata (1940). No que se refire á composición da poboación, o 98,3% son portugueses, o 0,2% brasileiros e o 0,1% ingleses. A educación é obrigatoria e gratuíta entre os 6 e os 15 anos. A educación superior é voluntaria e dura 3 anos. Ademais da Universidade Católica destacan as universidades de Coimbra, Lisboa e Porto. No curso 1997-1998 o número total de estudantes ascendía a 2.076.252. A lingua oficial é o portugués e, desde 1999, tamén se recoñece o mirandés.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Portugal entre os países cun alto desenvolvemento humano (ocupa o 26º posto cun índice do 0,897). Este indicador disgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72 anos para os homes e de 79 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 92,5% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 93%; e o PNB real por habitante é de 11.030 $ EE UU.
Medios de comunicación
Portugal, xunto con Grecia, é un dos países europeos cun menor desenvolvemento da prensa diaria. A principios do s XXI, a tiraxe e os índices de difusión sitúan o país nos límites máis baixos da media europea. Lisboa e Porto son os principais centros de prensa. Os diarios de maior venda e difusión son o Jornal de Noticias (Porto), Correio da Manhã (Lisboa), Diário de Noticias (Lisboa) e Público (Lisboa). Destaca o gran desenvolvemento da prensa deportiva especializada, centrada no fútbol, que mantén tres cabeceiras, Record (Lisboa), A Bola (Lisboa) e O Jogo (Porto), entre as oito con maior difusión, mentres que a prensa rexional e local ten un mercado moi reducido, igual ca os semanarios, entre os que destaca Expresso (1973) e Visão (1993). O resto do mercado distribúese entre revistas especializadas como Máxima, TV Guia ou Auto Sport. O escaso mercado da prensa diaria sitúa as empresas xornalísticas no ámbito dos grupos multimedia do país, dos que destacan Lusomundo, Cofina, Imprensa e Sonae, que manteñen liñas de negocio en prensa, radio, televisión e internet. Seguindo o modelo da maior parte dos entes públicos de radiodifusión europeos, na década de 1940 comezou a implantación do que logo foi a Rádio Televisão de Portugal, constituída pola RTP (1957) e a RDP (1974). A Emissora Nacional de Radiodifusão (1935) abriu a rede de delegacións rexionais no continente e nas illas, que quedaron agrupadas na RDP, agás Rádio Renascença e Radio Comercial, escindida da emisora pública en 1992. Tanto a radio como a televisión públicas ofertan unha programación xeral para o país, dividida en tres canles no caso da radio e en dúas no caso da televisión, e outra distinta para África, Açores, Madeira e o resto do mundo. Tras a fin do monopolio público (1992), xurdiron radios e canles privadas como as emisoras TSF ou RFM, ou as canles Televisão Independente (TVI) e Sociedade Independente de Comunicação (SIC), unha das que lidera a audiencia.
Goberno e política
Portugal é unha república desde 1910 e unha democracia parlamentaria desde 1974. Baséase na soberanía popular, na liberdade de expresión, na organización política democrática e no respecto e garantía de aplicación de dereitos e libertades fundamentais. Organizouse como estado unitario que respecta na súa organización os principios de autonomía local e de descentralización da Administración Pública. As Ilhas dos Açores e Madeira constitúen rexións autonómas, dotadas de estatutos político-administrativos e órganos de goberno propios, formados pola Assembleia Legislativa Regional e o Governo Regional. O poder lexislativo correspóndelle á Assembleia Legislativa Regional, formada, no caso das Ilhas dos Açores por 52 deputados e en Madeira por 61 membros, elixidos mediante sufraxio universal directo e secreto por un mandato de catro anos. O Governo Regional é o órgano executivo e o encargado da administración rexional e da condución política, constituído polo presidente, nomeado por un ministro da República que representa a Portugal nas rexións autónomas. Con breves intervalos desde 1822 estivo rexido por unha norma constitucional. Segundo a Constitución aprobada o 2 de abril de 1976, e que entrou en vigor o 25 de abril e foi modificada en seis ocasións, a última o 23 de abril de 2004. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Assembleia da República, formada por un mínimo de 180 e un máximo de 230 membros, elixidos por catro anos mediante sufraxio universal directo segundo un sistema de representación proporcional e mediante a fórmula electoral do sistema D’Hondt. Posúe competencias políticas e lexislativas, garantiza o cumprimento da constitución portuguesa, supervisa as accións do goberno e da Administración Pública e ten que aprobar o programa do goberno. O poder executivo reside no goberno, que é o órgano de condución política xeral e o órgano superior da Administración Pública. Está formado polo presidente da república, elixido por sufraxio directo cada cinco anos e unicamente por dúas veces consecutivas e que tamén é o xefe das Forzas Armadas, os seus poderes presidenciais inclúen a designación do primeiro ministro e a do Consello de Ministros; polo goberno, dirixido polo primeiro ministro, que é nomeado polo presidente da República a proposta da Assembleia da República, tendo en conta os resultados electorais, e que ten a función de nomear o Consello de Ministros; e polo Consello de Estado, organismo consultivo presidencial composto de seis oficiais civís, un presidente anterior que fose elixido despois de 1976, cinco membros elixidos pola Assembleia da República, e cinco seleccionados polo presidente. O sistema xudicial baséase nun sistema de leis civís. Conta co Tribunal Constitucional, que revisa a lexitimidade das leis e a protección das minorías e das garantías dos dereitos fundamentais dos cidadáns, e co Supremo Tribunal Justiça, ambos con sede en Lisboa, que é o órgano superior da xerarquía dos tribunais xudiciais, que está constituído por catro seccións civís, dúas criminais e unha laboral. Existe unha sección de contencioso, para xulgar as deliberacións do Conselho Superior da Magistratura que ten constitucionalmente atribuídas as competencias de nomeamento e distribución dos xuízes dos tribunais ordinarios. Acepta, con reservas, a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza, e a censura e a pena de morte están prohibidas. As principais forzas políticas son: as alianzas electorais, Bloco do Esquerda (BE) formado polo comunista União Democrático Popular (UDP); os de extrema esquerda Partido Socialista Revolucionario (PSR) e Politica XXI (PXXI); e Coligação Democrática Unitária (CDU), formado polo Partido Comunista Português (PCP) e o Partido Ecologista Os Verdes (OV). Como partidos independentes destacan o conservador moderado Partido Social Democrata (PSD), o Partido Socialista (PS), o conservador Partido Popular (PP); os comunistas, Partido Comunista dos Trabalhadores Portugueses e o Partido Comunista Português. Existen, entre outras, dúas federacións de sindicatos, a União Geral dos Trabalhadores (UGT), que representa a área de servizos, e a Intersindical/Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses (IN/CGTP), que defende ao sector industrial. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Europa, ERBD, OCDE, ONU, OSCE, OTAN e UE.
División administrativa
Portugal ten unha estrutura administrativa complexa. Comprende as rexións autónomas das Ilhas dos Açores e de Madeira, e 18 distritos continentais, que están subdivididos en 308 municípios e 4.252 freguesias. As Ilhas dos Açores divídense en 19 municípios e Madeira en 11. O distrito comprende un territorio delimitado de xurisdición administrativa en que existe unha asemblea deliberativa, composta por representantes dos municípios, que compete ao Governo Civil. A primeira autoridade do distrito é o Governador Civil, representante do goberno nomeado polo ministro do Interior, do que depende directamente. Os distritos divídense en municípios (denominados concelhos ata 1976), que administra unha Câmara Municipal, órgano executivo que trata dos asuntos de goberno do concello e unha Assembleia Municipal, órgano lexislativo que ten como competencia principal a fiscalización da Câmara Municipal. Á súa vez os municípios subdivídense en freguesias que contan coa Assembleia de Freguesia e a Junta de Freguesia. Malia ser os distritos a división administrativa de primeira orde en Portugal continental, existe outra división realizada pola Oficina Estatística das Comunidades Europeas que estableceu un esquema diferente. A división máis importante está entre o territorio continental e as dúas rexións autónomas, e que corresponde á subdivisión NUTS I. O seguinte nivel está composto polas cinco grandes rexións, gobernadas polas Comissões de Coordenação Regional (CCR), e que corresponden á subdivisión NUTS II. Os seus límites obedecen aos límites dos municípios, pero non aos límites dos distritos. As regiões subdivídense en subregiões estatísticas, denominadas NUTS III, que non teñen significado administrativo. O seu obxectivo é o de agrupar municípios contiguos, con problemas semellantes, para obter datos de conxunto destinados principalmente ao planeamento económico.
Historia

A Prehistoria e a Antigüidade
A oposición entre o N e o S do país, motivada polo relevo e o clima, tamén se manifesta no establecemento de diferentes grupos humanos e civilizacións. O territorio estivo habitado desde o Paleolítico Superior e nel desenvolveuse a cultura madalenense con técnicas derivadas da área francocantábrica. Durante o Mesolítico documéntase a cultura asturiana, e xa no Neolítico e o Eneolítico recibiu a influencia da cultura de Almería e desenvolveu unha cultura megalítica propia. Posteriormente, nas idades do bronce e do ferro, os poboadores da zona norte crearon unha cultura castrexa, variante da cultura dos castros estendida pola Meseta Central. A cultura material daquel tempo presenta unha primeira fase caracterizada pola metalurxia do bronce e pola cerámica decorada con incrustacións brancas e vermellas, e unha segunda fase en que se desenvolveu a cerámica de decoración incisa e a metalurxia do ferro, posiblemente introducida polos celtas a partir de 900 a C. As civilizacións mediterráneas (tartesos, gregos e fenicios) ocuparon as chairas meridionais. Cara ao s VI a C, diferentes pobos prerromanos repartíronse o territorio: os cempsi habitaban na rexión central, os sefes a costa, os draganos a zona setentrional e os cinetes na área meridional. No s s III a C había tres pobos asentados nestas terras: os galaicos no N, os celtas no S e os lusitanos, no centro. Estes últimos tiñan unha organización político-social colectivista e enfrontáronse cos romanos (193-61 a C) en numerosas batallas, das que destaca a dirixida por Viriato (147-139 a C). O territorio formou parte de Hispania Ulterior ata que Augusto converteu a zona do S do Douro na Provincia Hispania Ulterior Lusitana. No s III Diocleciano completou a organización administrativa e delimitou Gallaecia, unha provincia autónoma ao redor de Bracara Augusta (Braga). Baixo os dominios suevo (409-585) e visigodo (585-711), progresou a cristianización do territorio, dirixida polos bispos de Braga. Coa romanización predominou a gran propiedade, as villae, traballadas por man de obra servil e, posteriormente, a clase dirixente hispanorromana foi parcialmente substituída pola nobreza xermánica.
A formación do Condado Portucalense e do Reino de Portugal
A penetración sarracena nas terras situadas entre o Douro e o Miño resultou moi feble, en comparación con outras zonas e foi freada polas campañas de Afonso III de Asturias (866-910), que conquistou e repoboou Braga, Chaves e Porto, chegou ao Mondego e repoboou Lamego, Viseu e Coimbra. As terras ao S do Limia constituíron a Terra Portucalensis, territorio do Reino Astur vinculado ao magnate galego Hermenxildo Gutiérrez. Fernando I de Castela e León (1035-1065) ocupou definitivamente as terras do S do Douro e encomendou as terras comprendidas entre o Miño e o Mondego e o condado de Coimbra, fundado en 1064, ao mozárabe Sisenando Davidiz. Posteriormente, García I de Galicia encomendou o goberno do condado ao nobre Mendo Nunes. Os almorábides venceron os cristiáns en Sagrajas (1086) e os obrigaron a retroceder cara ao Mondego, cando xa conquistaran todo o territorio situado ao N do Tejo. Afonso VI de Castela (1065-1109) demandou a axuda de señores estranxeiros para vencer os árabes e conquistar máis territorio, e casou a un destes cabaleiros, Enrique de Borgoña, coa súa filla Tareixa e entregoulles a ambos os dous a Terra Portucalensis, situada entre o Miño e a comarca de Santarém, con carácter hereditario e co título condal (1097). Enrique de Borgoña axiña se puxo á fronte dun movemento de independencia, oposto sobre todo ao condado de Galicia, acadou a creación dun arcebispado propio (Braga, 1104) e, tras a morte de Afonso VI de Castela, declarouse independente. Morto Enrique de Borgoña, o goberno exerceuno a súa viúva, Tareixa de Portugal (1114-1128), que se enfrontou a Urraca, filla de Afonso VI, que ostentaba o condado de Galicia e que non recoñecía a independencia do condado. A nobreza portuguesa opúxose á relación de Tareixa co conde galego Fernán Pérez de Traba e o movemento independentista foi ampliado polo seu fillo, Afonso Henriques, que venceu as tropas da súa nai e se converteu no primeiro monarca de Portugal, Afonso I Henriques (1128-1185). Derrotou os almorábides en Ourique (1139) e ampliou a extensión do reino. O seu fillo, Sancho I (1185-1211), e o seu neto, Afonso II (1211-1123), servíronse das ordes militares de Santiago e Calatrava e ocuparon o Algarve. A expansión territorial coincidiu no s XIII coa realización institucional do país e a monarquía converteuse en hereditaria. O campesiñado recibiu dos soberanos as liberdades consignadas nas cartas dos concellos, repoboou a terra e defendeuna mediante a creación de milicias populares. Afonso II, coa axuda dos concellos, atacou os privilexios do clero e da nobreza, fixo revisar todos os títulos de propiedade dos señores laicos e eclesiásticos e desamortizou os bens inmobles do clero. Isto enfrontouno coa Igrexa e foi excomungado polo Papa Honorio III. O seu sucesor, Sancho II (1223-1248), enfrontouse tamén co estamento eclesiástico, que o depuxo. O seu irmán, Afonso III (1248-1279) levou unha política contraria á oligarquía, reduciu aínda máis os dereitos do clero, chamou a Cortes os representantes dos concellos (Cortes de Leiria, 1254) e fixou os límites do Estado portugués coa ocupación total do Algarve en 1249. O seu sucesor, Denís I (1279-1325) fundou os Estudos Gerais de Lisboa (1290), orixe da futura universidade, e estimulou a agricultura e o comercio. Nesta época fundouse a bolsa de mercadores e estes presentáronse nos mercados de Londres e Bruxas, onde vendían os seus produtos. Con Afonso IV (1325-1357) gobernaron os lexistas, defensores da razón de estado. En nome desta razón de estado foi executada a nobre galega Inés de Castro, coa que mantiña relacións o fillo de Afonso IV, Pedro I. Creouse a organización xudicial e administrativa de Portugal medieval, que se perpetuou ata o s XIX. Tras o reinado de Pedro I (1357-1367), o seu sucesor Fernando I (1367-1383) aspirou á Coroa de Castela, contra a que realizou sucesivas campañas sen éxito, e enfrontouse a Enrique de Trastámara e ao seu sucesor Xoán I. Despois da morte sen sucesión masculina de Fernando I, o seu xenro Xoán I de Castela reclamou a coroa portuguesa co apoio da nobreza territorial, pero a burguesía aclamou como rexente a un fillo bastardo de Pedro I, o mestre de Avís, que foi proclamado rei como Xoán I de Portugal (1385-1433).
A dinastía de Avís e a expansión marítima
Xoán I de Portugal derrotou o seu rival Xoán I de Castela na Batalla de Aljubarrota (1385) e comezou unha nova orientación política, marítima e colonial. O monarca portugués reforzou a alianza con Inglaterra mediante a súa voda con Filipa de Lancaster, asinou a paz con Castela en 1411 e asegurou o control do estreito de Xibraltar coa conquista de Ceuta en 1415. O infante Enrique de Portugal o Navegante (1394-1460) impulsou unha política de descubrimento sistemático das costas africanas. Fundou en Sagres uns fondeadoiros e unha escola náutica e cartográfica, desde onde dirixiu unha serie de expedicións que deron como resultado o descubrimento e o inicio da colonización de Madeira (1419-1425), as Ilhas dos Açores (1427-1452), o cabo Bojador (1434), as costas de Río de Oro (1436) e de Senegal (1445), o arquipélago de Cabo Verde (1457) e o golfo de Guinea (1460). As viaxes do s XV foron posibles grazas ás investigacións científicas previas e aos avances na construción naval. Contribuíron tamén o sobrepoboamento relativo de Portugal, a imposibilidade de practicar unha política de expansión colonial a costa de Castela, a escaseza de trigo, a busca de terras novas para a cana de azucre ou a demanda de escravos para os muíños de azucre do Algarve, entre outras causas. Durante o reinado de Duarte I (1433-1438) a nobreza terratenente intentou a expansión territorial ao N de África, pero fracasou na conquista de Tánxer (1437). Durante a minoría de idade de Afonso V (1438-1481) o infante Pedro de Portugal, duque de Coimbra, nomeado rexente (1438-1449), estimulou a expansión marítima, fixou as atribucións da burguesía nas Ordenações Afonsinas, coidou a explotación económica dos territorios descubertos e cuñou o cruzado con ouro de Guinea (1447). Foi derrotado e morto en Alfarrobeira (1449) pola nobreza aliada co clero. Afonso V conquistou Alcazarseguer (1458), Tánxer e Arcila (1471) aos marroquís, e estimulou a navegación polo litoral africano. Descubriuse São Tomé e Annobón e pasouse o Ecuador (1471). Afonso V interveu nos asuntos de Castela e prometeuse á princesa Xoana de Castela a Beltranexa (1455) e defendeu os dereitos desta infrutuosamente na Batalla de Toro (1476) contra Fernando II de Aragón. Prometeu tamén ao seu fillo Afonso con Isabel de Aragón, a filla máis vella dos Reis Católicos (Tratado de Alcaçovas, 1479). O seu sucesor Xoán II (1481-1495) apoiouse na burguesía e intentou dobregar a nobreza, polo que fixo decapitar o duque de Bragança en 1483 e asasinou ao duque de Viseu en 1484, que conspiraban contra el. Orientou definitivamente os obxectivos de Portugal cara ao mar e centralizou en Lisboa o comercio das especias orientais. Diogo Cão descubriu o esteiro do río Congo (1482) e Bartolomeu Dias de Novaes dobrou o Cabo das Tempestades (1487), rebautizado despois como cabo de Boa Esperanza, e descubriu o Océano Índico. Cando Cristovo Colón descubriu as illas de Cuba e Santo Domingo, Xoán II considerou que en virtude dos acordos do Tratado de Alcaçovas estas terras pertencían a Portugal, pero co Tratado de Tordesillas (1494) reservouse á navegación portuguesa a zona situada ata as 370 leguas ao oeste do arquipélago de Cabo Verde.
A expansión por Extremo Oriente e Brasil
En tempos de Manuel I (1495-1521) os portugueses seguiron rodeando as costas africanas e chegaron con éxito a Extremo Oriente. Vasco da Gama fixo o periplo de África e chegou a Calicut, en India (1497-1498), e, nunha segunda viaxe (1502-1503), descubriu as Ilhas do Almirante e estableceu factorías na costa de Deccan. Francisco de Almeida, primeiro vicerrei da India portuguesa (1505-1509), mantivo a hexemonía portuguesa no Océano Índico en loita contra os musulmáns de Exipto (Vitoria de Diu, 1508) e navegou ata Ceilán e Madagascar. O seu sucesor, Afonso de Albuquerque, conquistou Socotra, Mascate, Ormuz (1506), Goa (1510) e Malacca (1511), e organizou unha expedición ao arquipélago das Molucas. Os portugueses chegaron a Siam, Dao-Viêt, China (1514-1517) e Macau (1557). Por outro lado, Pedro Álvares Cabral chegou ás costas brasileiras en 1500. O Rei Manuel I estableceu o monopolio da coroa sobre o comercio das especias coa creación da Casa da India e da Guiné en 1499. En Lisboa fluíron as especias asiáticas, o azucre das illas e os escravos negros. A política de altos prezos de venda reportoulle enormes beneficios á Coroa. Coa ambición de anexar Castela, Manuel I casou sucesivamente con dúas fillas (Isabel, 1495, e María, 1500) e unha neta (Leonor, 1518) dos Reis Católicos. Xa durante o reinado de Xoán III (1521-1557), os venecianos conseguiron competir cos portugueses nas relacións comerciais. Ademais, a introdución da Inquisición en Portugal (1536) provocou a emigración de moitos comerciantes e foi un obstáculo para o progreso científico. A burguesía estaba debilitada a causa da intervención do Estado nos negocios, da competencia estranxeira e da expulsión dos xudeus. Moitos nobres, funcionarios, militares e navegantes que volvían enriquecidos de India convertéronse en rendistas e adquiriron unha gran parte das terras meridionais do país. O pequeno campesiñado libre viuse obrigado a emigrar coa conseguinte diminución da man de obra. Eliminado gradualmente de Extremo Oriente, Portugal dedicouse á colonización de Brasil. A produción de cana de azucre en Madeira, as Ilhas dos Açores, Cabo Verde, São Tomé e Brasil con man de obra escrava de Guinea e Angola constituíu un monopolio de gran rendibilidade. O Rei Sebastián I (1557-1578) considerou que o destino natural da expansión portuguesa era o norte de África pero foi derrotado e morreu na Batalla de Alcazarquivir (1578).
Da unión dinástica con Castela á Restauraçao
Despois do efémero reinado do derradeiro descendente lexítimo da casa de Avís, Enrique I (1578-1580), disputáronse a coroa portuguesa Filipe II de Castela, neto de Manuel I, que tiña o apoio da oligarquía, e Antonio, prior de Crato, sobriño de Enrique I, candidato da burguesía e dos cidadáns. Un exército castelán baixo o mando do duque de Alba invadiu Portugal e derrotou ao pretendente portugués en Alcántara (1580). Así Filipe II de Castela foi proclamado rei de Portugal (Filipe I, 1580-1596) e nas Cortes de Tomar (1581) xurou a unión na súa persoa das dúas coroas pero co respecto das liberdades portuguesas. Durante a unión dinástica, que durou ata 1640, consumouse o afundimento do poder marítimo portugués e a destrución do monopolio do comercio oriental, abandonado en mans de ingleses e holandeses. Aínda que as tropas castelás protexeron as rutas do comercio portuguesas, non puideron evitar que os holandeses se instalaran en Brasil e nas factorías africanas de São Tomé e Luanda. As dificultades económicas e as cargas financeiras impostas polo conde-duque de Olivares, ministro de Filipe IV de Castela, provocaron insurreccións populares anticastelás (1637) e este descontento culminou cando, ao producirse a revolta catalá de 1640, o conde-duque de Olivares requeriu a axuda de tropas portuguesas para enfrontarse a Catalunya. A nobreza e a burguesía rebeláronse coa axuda do cardeal Richelieu e proclamaron rei ao duque de Bragança co nome de Xoán IV de Portugal (1640-1656). Xoán IV tivo que facer fronte a varias conspiracións procastelás que reprimiu con dureza. A expulsión dos holandeses de São Tomé e Luanda (1648) e de Brasil (1654), compensou en parte a perda das posicións asiáticas: Malacca (1641), Mascate (1648), Tidore (1657), Ceilán (1658) e Cochin (1663). A frota inglesa axudou os portugueses contra os holandeses e, a cambio da súa axuda, Inglaterra obtivo Tánxer, Azemmoûr e Bombai (1661). O sucesor de Xoán IV, Afonso VI (1656-1683), foi un soberano politicamente e mentalmente incapacitado e, tras a rexencia da súa nai (1656-1662) e do goberno do conde de Castelo Melhor (1662-1667), o seu irmán Pedro, o futuro Pedro II de Portugal (1683-1706), foi proclamado herdeiro da coroa e exerceu como rexente desde 1668. O exército portugués, reorganizado polo xeneral francés Schönberg, defendeu a independencia de Portugal fronte ás tropas de Filipe IV de Castela. As vitorias de Elvas (1659), Ameixal (1663) e Vila Viçosa (1665) conduciron ao Tratado de Lisboa, asinado en febreiro de 1668, polo que a monarquía castelá recoñecía a independencia de Portugal.
A explotación de Brasil
Desde o s XV e a pesar da introdución do millo, que transformara a rexión do Minho, Portugal amosouse incapaz de producir os cereais necesarios para manter a súa poboación e tivo que buscar outros medios de vida: as especias no s XVI e o azucre brasileiro no s XVII. Ao decaer a produción de azucre a finais do s XVII, o país tivo que reducir as compras ao exterior. Pedro II prohibiu a importación de sedas e fitas francesas, e creou manufacturas de pano en Covilhã, Fundão e Portalegre. Interveu tamén na Guerra de Sucesión Española, primeiro en favor de Filipe de Anjou (o futuro Filipe V), e despois do arquiduque Carlos de Austria, e ocupou temporalmente Madrid en 1705. En 1703 asinou con Reino Unido o Tratado de Methuen, polo que reservaba o mercado inglés aos viños de Madeira e Porto a cambio de que Reino Unido puidera vender o trigo e as manufacturas de la en Portugal, que desde entón se dedicou ao monocultivo da vide e á explotación de Brasil. Este acordo considerouse o responsable do subdesenvolvemento industrial de Portugal, pero máis ca a causa foi a consecuencia derivada da febleza do seu equipamento manufactureiro. A chegada a Portugal do ouro descuberto en Brasil (Minas Gerais, 1696) estimulou as compras a Reino Unido e acabou de arruinar a industria nacional. Durante o reinado de Xoán V (1706-1750), o ouro de Brasil estimulou artificialmente a economía e alimentou o tesouro real mediante a imposición do quinto. Levou a cabo unha política de esplendor e prestixio, embeleceu a capital e os seus arredores, e rodeouse de conselleiros hábiles, como o cardeal da Mota e Luís da Cunha, que reforzaron a autoridade monárquica e diminuíron o poder da Inquisición. Xosé I (1750-1777) encomendou o goberno a Sebastião José de Carvalho e Melo, marqués de Pombal, que en 27 anos de goberno absolutista modernizou o país. Confiou ao conde Lippe a reorganización do exército, reconstruíu Lisboa, que fora destruída polo terremoto de 1755 seguindo unha concepción moderna, centralizou as finanzas do Estado, limitou os privilexios dos nobres e do clero, uniformou o estatuto persoal dos portugueses, aboliu a escravitude na metrópole, eliminou toda distinción entre cristiáns vellos e novos, creou escolas reais (1759), o colexio de nobres (1761) e unha escola de comercio (1759) e reformou a Universidade de Coimbra (1772). A loita contra os privilexios provocou conspiracións da nobreza, que foron reprimidas con enerxía (execucións do duque de Aveiro e do marqués de Távora). Incluso os xesuítas, acusados de complicidade no complot de Távora, foron expulsados e os seus bens confiscados en 1759. As ordes monásticas tamén foron depuradas. Para loitar contra a recesión dos produtos brasileiros que facía diminuír os ingresos do tesouro, perseguiu o contrabando, favoreceu as compañías monopolísticas, creou a Companhia da Ásia, a Companhia do Grão-Pará e Maranhão, a Companhia de Pernambuco e Paraíba e a Companhia Geral da Agricultura das Vinhas do Alto Douro, e organizou unha Junta Real do Comércio. A persistencia da crise económica levou a fomentar a implantación de manufacturas creadas coa axuda do tesouro real (1759-1765). A Raíña María I (1777-1816), filla e herdeira de Xosé I, favoreceu a industria e limitou os privilexios das grandes compañías comerciais. Coa creación da Academia de Ciencias (1779), estimulouse o desenvolvemento científico e técnico, á vez que unha actuación máis moderada da censura facilitou a introdución das novas ideas filosóficas. Pero a apertura ideolóxica rompeuse a partir de 1789, cando se perseguiron os afrancesados e os masóns. Napoleón I Bonaparte obrigou o goberno portugués a romper a súa alianza con Reino Unido e a participar no bloqueo continental. As tropas francesas dirixidas polo xeneral Jean Andoche Junot invadiron Portugal en 1807 e a familia real refuxiouse en Rio de Janeiro. Os portugueses levantáronse contra o invasor francés coa axuda das tropas inglesas de Arthur Colley Wellesley, derrotaron a Junot en Sintra (1808) e expulsaron os franceses, que intentaron en dúas ocasións recuperar Portugal. Soult tomou Porto en 1809 pero foi derrotado por Wellesley en Galicia, e André Masséna foi detido polo duque de Wellington en Torres Vedras (1811), co que Portugal, baixo a autoridade de William Carr Beresford, foi unha verdadeira colonia inglesa durante doce anos.
A decadencia do s XIX
Xoán VI (1816-1826) permaneceu en Brasil e deixou o mando de Portugal ao mariscal Beresford. As invasións napoleónicas tiveron unha grande influencia na vida portuguesa e as correntes liberais tomaron impulso ao entrar en contacto con británicos e franceses. En 1820 produciuse unha sublevación militar en Porto, o exército eliminou a Beresford do poder e a burguesía iniciou a revolución liberal. En 1820 tiveron lugar as primeiras eleccións, foi suprimida a Inquisición, aboliuse a censura e creouse o Banco de Lisboa. O Rei Xoán VI volveu a Lisboa (1821) e xurou unha constitución liberal (1822), baseada na doutrina da soberanía nacional. A Raíña Carolina Xoaquina negouse a xurar a constitución e foi desterrada. As novas relacións entre Portugal e Brasil, que ao establecerse alí a corte abrira os seus portos a todas as nacións e que en 1822 se declarou independente, fixeron necesaria a reestruturación da economía portuguesa. A revolución liberal que se encamiñaba sufriu un retroceso coa Vilafrancada (1823) e a Abrilada (1824), dous golpes de estado absolutista de don Miguel, fillo da raíña, cos que se pretendía unha volta atrás. Pero estes intentos involucionistas fracasaron e tras a morte de Xoán VI (1826), o seu sucesor Pedro IV (o Emperador Pedro I de Brasil) outorgou unha Carta Constitucional, compromiso entre a Constitución de 1822 e o mantemento das prerrogativas rexias. Abdicou en favor da súa filla MarÍa II (1826-1853) e prometeuna en matrimonio con don Miguel, pero en 1828 este último proclamouse rei absoluto (Miguel I, 1828-1834) e a raíña refuxiouse en Reino Unido. Os liberais crearon un goberno provisional na illa Terceira, nos Açores, (1829) e, dirixidos polo Emperador Pedro I de Brasil, desembarcaron preto de Porto, cidade que ocuparon inmediatamente (1832) e onde resistiron durante un ano e, tras romper o sitio, entraron en Lisboa en 1833. O Emperador Pedro I logrou da Cuádrupla Alianza a expulsión do infante Miguel e o Acordo de Évora Monte (1834) puxo fin á guerra civil. Abolíronse os vínculos feudais, extinguíronse as ordes relixiosas e os seus bens, así como boa parte dos bens nacionais, foron desamortizados en poxa pública, abolíronse as corporacións e implantouse a liberdade de comercio e de industria. A súa morte foi proclamada de novo raíña a súa filla María II (1834) que restableceu a Carta Constitucional de 1826. Afirmouse a tendencia conservadora no poder que unía a terratenentes, grandes comerciantes e banqueiros, Igrexa e antigos aristócratas; pero aínda que se contou co soporte das potencias europeas non conseguiron estabilizar o país. En 1828 aprobouse unha nova constitución, intermedia entre a de 1822 e a Carta Constitucional de 1826. A burguesía industrial urbana, aliada coa media burguesía comercial, xunto coas clases populares urbanas, impúxose en setembro de 1836. Os cartistas lograron neutralizar os setembrinos, que apoiaban a Constitución de 1822, e António Bernardo da Costa Cabral restableceu a Carta en 1842. En medio dunha grave crise financeira, estoupou a Revolta de Maria da Fonte (1846), que provocou a dimisión de Costa Cabral, pero a intervención de España e de Reino Unido impediu o triunfo da revolta (1847), e Costa Cabral volveu ao goberno ata que o alzamento do mariscal Saldanha (1851) acabou co poder de Cabral e iniciou a Regeneração, en virtude da que se estabilizou a monarquía constitucional, de corte liberal. Iniciouse unha etapa de reactivación mercantil, de crecemento agrícola e comezou o proceso de expansión cara a África. En 1852 aprobáronse as primeiras actas adicionais á Constitución de 1838, que outorgaron o sufraxio directo pero o réxime parlamentario era unha fachada, xa que as eleccións preparábaas o goberno apoiado na coroa e debía satisfacer as clases dirixentes. A mala xestión económica freou o progreso económico. Tras a morte da raíña exerceu a rexencia o seu home Fernando de Saxonia (1853-1855), ata a maioría de idade de Pedro V de Portugal (1853-1861), e durante o reinado deste promulgouse a segunda acta en sentido liberal (1855). O seu sucesor Luís I (1861-1889) publicou un código civil (1867), e levou a cabo numerosas reformas, como a expulsión das irmás da caridade (1862), a abolición da escravitude nas colonias (1868) e a venda dos bens do clero (1870), que provocaron a aparición de manifestos que incitaban á revolución.
A fin da monarquía
A opinión pública seguía aferrada ás colonias e ao iniciarse a repartición de África a sociedade xeográfica de Lisboa pediulle ao goberno portugués que defendese os seus intereses fronte ao resto dos países europeos. Durante a década de 1870 tiveron lugar as conferencias democráticas do Casino (1871-1872) e xurdiron as primeiras organizacións republicanas e socialistas. En 1887 o Grupo Comunista-Anarquista de Lisboa publicou a súa declaración de principios. E cando, co país nunha profunda crise económica, o goberno británico lle esixiu a renuncia aos territorios africanos comprendidos entre Angola e Moçambique (1890), estoupou unha ondada de indignación contra Reino Unido e contra o goberno portugués. O Rei Carlos I (1889-1908) tamén foi vítima do descontento popular e iniciouse en Porto a primeira revolta republicana (1891). Desde mediados de século, a agricultura desenvolveuse nunha escala moi superior á dos outros sectores da economía, pois dispoñía dun mercado exterior rico e estable que estimulaba innovacións técnicas e atraía os investimentos de capitais. Configurouse unha estrutura socioeconómica de base agrícola, ligada ao comercio exterior. A atrofia do sector industrial acabou por impedirlle á agricultura a plena utilización do potencial mercado interior. Como consecuencia, o aumento da poboación non foi absorbido por novas posibilidades de traballo e producíronse emigracións en masa. Cando os mercados agrícolas exteriores experimentaron unha notable redución (1889-1891), a economía non puido adaptarse á nova conxuntura e o seu deterioro orixinou no país unha situación de gran preocupación. A afluencia da poboación cara ás grandes cidades potenciou o desenvolvemento dunha mediana e pequena burguesía que non vía claro o seu porvir e non se sentía segura. Neste clima de malestar cada vez maior, que desde o poder se intentaba resolver coa restrición das liberdades democráticas, João Franco erixiuse en ditador (1906-1908), de acordo co Rei Carlos I, que foi asasinado xunto co príncipe herdeiro Luís Filipe en 1908. Destituído João Franco polo Rei Manuel II (1908-1910), os republicanos obtiveron a vitoria nas eleccións municipais (1908) e nas de deputados a Cortes (1910). Unha revolución civil e militar proclamou a República en outubro de 1910, con Teófilo Braga como xefe do goberno provisional.
O réxime republicano (1910-1926)
A república, cunha base feble de procedencia burguesa e ameazada por conservadores monárquicos e un proletariado radicalizado, xurdiu cunha grande inestabilidade, da que foron mostra os máis de corenta gobernos que se sucederon entre 1911 e 1926. Correu un forte risco coas ditaduras de Pimenta de Castro (1915) e Sidónio Pais (1917-1918) e, ademais das contradicións internas da burguesía, a inestabilidade agravouse polo descontento das clases populares que, procedentes sobre todo do campo (70% da poboación), tiñan que emigrar a Porto, Lisboa ou o estranxeiro. Aínda que se promulgou unha lexislación progresista en numerosos aspectos como a separación da Igrexa e do Estado, a lei do divorcio, a liberdade sindical, o regulamento da xornada laboral ou os seguros sociais, a reforma agraria non se abordou. Como se consideraban unhas reformas insuficientes, os sindicatos inclináronse pola vía revolucionaria. Doutra banda, para compensar a perda do mercado europeo co colonial, incrementáronse os investimentos en Angola e Moçambique. A ameaza da ocupación destas colonias polos alemáns determinou a participación portuguesa na Primeira Guerra Mundial xunto aos aliados, coa que conseguiron o distrito de Kionga en Moçambique. Durante os primeiros anos da posguerra a inflación e o aumento do paro fixeron medrar a axitación social, que recibiu unha resposta violenta por parte do goberno. Malia que a partir de 1923, con Manuel Teixeira Gomes na presidencia da república, a situación económica mellorou, unha parte do proletariado, inclinada cara ao anarquismo, amosouse hostil aos gobernos da república. A reacción da burguesía á axitación anarquista, pola súa banda, fixo decantarse á república por solucións de tipo autoritario avaladas tamén por boa parte dos intelectuais. O golpe militar do 18 de abril de 1925 foi o prólogo do golpe de estado de 1926.
O Estado Novo e a ditadura de Salazar
O 28 de maio de 1926 o xeneral Manuel de Oliveira Gomes da Costa deu un golpe de estado e, despois de diferentes gobernos militares, en 1928 o xeneral António Óscar de Fragoso Carmona acadou a presidencia da república. António de Oliveira Salazar converteuse en 1932 en primeiro ministro e con el a ditadura militar desembocou nun réxime corporativo e autoritario, o Estado Novo, inspirado na Constitución de 1933. O estatuto nacional do traballo de 1933 obrigou aos obreiros a inscribirse en sindicatos nacionais mentres que os patronos se agruparon en gremios; aboliuse o dereito de folga en 1934; e en 1935 prohibíronse as sociedades secretas. Todos os partidos políticos estaban considerados ilegais e só existía oficialmente unha asociación política, a União Nacional, da que Salazar foi o xefe supremo. En 1936 creáronse dúas asociacións tipicamente fascistas, a Legião Portuguesa, militar, e a Mocidade Portuguesa, paramilitar e obrigatoria entre os adolescentes. Ningún tipo de presión, de atentado nin de revolta impediron a consolidación do salazarismo, que en 1940 conseguiu a máxima puxanza. En política exterior, Portugal reconciliouse co Vaticano e Salazar aliouse co xeneral F. Franco durante a Guerra Civil Española. Na Segunda Guerra Mundial mantívose neutral pero permitiu que Reino Unido e EE UU empregaran o arquipélago das Ilhas dos Açores como bases aeronavais. Despois da vitoria dos aliados (1945), Salazar viuse obrigado a dar unha aparencia democrática ao réxime e convocou eleccións á Asemblea Nacional, ás que podían concorrer libremente todo tipo de candidatos, aínda que non legalizou os partidos políticos e a oposición agrupada no Movimento de Unidade Democrática (MUD), malia as adhesións que recibiu das grandes masas, retirou a súa candidatura e, como nas eleccións anteriores (1934, 1938, 1942), feitas sen oposición, todos os deputados elixidos pertencían á União Nacional. Pouco tempo despois desencadeouse unha represión contra os que constituíran o MUD. Nas eleccións posteriores, aínda que se suprimiu transitoriamente a censura, o candidato da oposición Humberto Delgado tivo que fuxir ao estranxeiro tras impugnar o triunfo do candidato oficial Américo de Deus Rodrigues Thomaz. Delgado iniciou desde o exilio unha campaña contra o réxime salazarista (secuestro do transatlántico Santa Maria en 1961), pero en 1965 foi asasinado. A ocupación das colonias de India (Goa, Daman e Diu) polo exército hindú en 1961, as revoltas militares e estudantís e, sobre todo, as rebelións que estouparon na década de 1960 en Angola, Guinea e Moçambique, precipitaron a caída do Estado Novo. En 1968 Marcelo José das Neves Caetano sucedeu a Salazar como primeiro ministro e continuou cos seus métodos ditatoriais.
A Revolução dos Cravos e o restablecemento da democracia
A guerra colonial, cada vez máis dura e impopular, provocou tensións no interior do réxime e resolveuse no golpe de estado do 25 de abril de 1974, a Revolução dos Cravos, en que un sector do exército, o Movimento das Forças Armadas, ocupou o poder. Creouse unha Junta de Salvação Nacional que, presidida polo xeneral António Sebastião Ribeiro de Spinola, estableceu as bases dun réxime democrático. Entre 1974 e 1975 recoñeceuse a independencia das colonias africanas e de Timor Oriental. Macau, declarada Provincia de Ultramar de Portugal en 1951, adquiriu o estatuto de territorio especial en 1976. As desavinzas no interior da Junta, que forzaron a dimisión de Spinola, e un intento de golpe de estado involucionista en 1975, favoreceron un cambio de rumbo cara á esquerda. Creouse o Conselho de Revolução, formado por militares, con amplos poderes sobre o goberno, e en abril celebráronse eleccións para a asemblea constituínte que deron a maioría relativa ao Partido Socialista Português (PSP) de Mário Alberto Nobre Lopes Soares. Malia a inestabilidade política, en 1976 aprobouse unha constitución de tipo socialista que confirmaba as prerrogativas do Conselho da Revolução. Nas eleccións lexislativas do mesmo ano en que, a diferenza das de 1975, participaron todos os partidos políticos, o PSP e Soares continuaron no poder. En xuño, o xeneral António dos Santos Ramalho Eanes, sostido polo PSP e polos partidos moderados, acadou a presidencia. En decembro de 1977 o goberno socialista dimitiu despois de graves tensións co presidente da república e sucedeuno en xaneiro de 1978 un gabinete de coalición do PSP co Centro Democrático Social (CDS), que só durou un ano. Despois de gobernos de curta duración, en 1979 o poder pasou á Aliança Democrática (AD), coalición do Partido Social Democrata (PSD) co CDS e o Partido Popular Monarquico (PPM). O líder do PSD, Francisco Manuel Lumbrales de Sá Carneiro, converteuse en primeiro ministro en 1980. O novo goberno, moderado e partidario de modificar a constitución, enfrontouse co Conselho de Revolução e con Ramalho Eanes. En 1980 convocáronse eleccións lexislativas que aumentaron a forza parlamentaria de AD e o mantiveron no poder, e presidenciais, que confirmaron a Ramalho Eanes como presidente da república. Sá Carneiro morreu en accidente de aviación en 1980 e en 1981 sucedeuno Francisco Pinto Balsemão, do PSD, que malia numerosas visicitudes, se mantivo no cargo ata finais de 1982, ano en que conseguiu revisar a constitución. O novo texto aboliu o Conselho da Revolução, subordinaba as forzas armadas ao poder civil e minguaba as atribucións do presidente. A inestabilidade política, non obstante, continuou e sucedéronse os cambios de goberno. Francisco José Pereira Pinto Balsemão foi substituído por Mário Soares en 1983 e o líder socialista formou un goberno de coalición PSP-PSD, que se enfrontou constantemente co presidente da república. Soares comezou un programa económico de austeridade e iniciou as negociacións para a entrada de Portugal na actual UE. Nestes anos produciuse un incremento da actividade terrorista de esquerdas rematada polas Forças Populares de 25 de Abril en que se implicou ao antigo dirixente revolucionario, Otelo Saraiva de Carbalho. En 1985 rompeuse a coalición gobernamental e Soares dimitiu. Ramalho Eanes convocou eleccións xerais anticipadas, que levaron ao poder un goberno do PSD encabezado por Aníbal António Cavaco Silva como primeiro ministro. En 1986 Soares converteuse en presidente da república e no primeiro civil que ocupou o cargo despois de 60 anos. Ese mesmo ano Portugal entrou a formar parte da Comunidade Económica Europea (CEE) e en 1988 na Unión Europea Occidental (UEO). Levouse a cabo un programa de reforma económica liberal e de privatización (reprivatizáronse empresas e facilitáronse despidos), o que provocou a folga xeral de 1988. En 1987 Cavaco Silva dimitiu e as novas eleccións xerais déronlle a vitoria con maioría absoluta ao PSD. A estabilidade política iniciada en 1987, as medidas de liberalización e o soporte da UE favoreceron un crecemento da economía, que se reflectiu no resultado das eleccións presidenciais de 1990, que confirmaron a Soares no cargo, e nas lexislativas de 1991 en que o PSD repetiu a maioría absoluta. A recesión mundial iniciada en 1992, que castigou a economía portuguesa co aumento do déficit público e do paro, e os numerosos casos de corrupción descubertos en 1994 prexudicaron o goberno do PDS. Respecto aos antigos territorios de ultramar, a ocupación de Timor Oriental polo exército indonesio en 1976 orixinou un longo conflito diplomático entre Indonesia e Portugal. Por outra banda, Portugal destacou como mediador entre os gobernos de Angola e Moçambique e as organizacións guerrilleiras que operaron nestes países tras a súa independencia. En 1987 chegouse a un acordo para transferir a administración de Macau a China en decembro de 1999, data en que se produciu a devolución definitiva. En materia de política económica continuou a aplicación de medidas dirixidas ao crecemento e á contención do déficit. En 1991 renovou o cargo M. Soares e en 1992, cando Portugal ocupaba a presidencia da Unión Europea, aumentou a tensión social. Nas eleccións lexislativas de 1995 venceu o PS e António Manuel de Oliveira Guterres formou un goberno en minoría. Nas eleccións presidenciais de 1996 Cavaco Silva foi derrotado por Jorge Fernando Branco de Sampaio, substituto de Soares na candidatura socialista. Mantívose a política de privatizacións e o carácter europeísta, e fixeron fronte ao aumento do desemprego e ao proxecto de rexionalización, que foi rexeitado polos cidadáns no referendo de 1998. En setembro de 1997 o parlamento aprobou a reforma da constitución: favoreceuse a celebración de referendos, reformouse o sistema electoral e regulouse a desaparición do servizo militar obrigatorio e o traballo infantil. Ese mesmo ano os gobernos portugués e indonesio chegaron a un acordo sobre a autonomía de Timor Oriental e decidiuse a súa independencia mediante referendo. Durante 1998 Lisboa foi sede da Exposición Universal (Expo 98). O PS volveu gañar as eleccións lexislativas de 1999 e A. Guterres foi reelixido primeiro ministro. Nas eleccións presidenciais de 2001 volveu ser elixido J. Sampaio. O goberno de A. Guterres foi perdendo popularidade por mor da degradación da economía. Nas eleccións lexislativas de 2002 venceu o PSD e José Manuel Durão Barroso formou un goberno de converxencia democrática co PP. En 2002, cumpridos os criterios, o euro entrou en circulación e en 2003 a economía portuguesa entrou en recensión. En xullo de 2004 Durão Barroso abandonou o goberno ao ser proposto para presidir a Comisión Europea. Substituíuno no goberno Pedro Santana Lopes. Este cambio motivou unha fonda crise no país luso e a convocatoria no mes de decembro de eleccións lexislativas para o 20 de febreiro de 2005, en que venceu por maioría absoluta o Partido Socialista (PS) encabezado por José Sócrates, novo primeiro ministro.
A presenza galega en Portugal
Tras a invasión musulmá da Península Ibérica, as terras comprendidas entre o Miño e o Mondego foron repoboadas por xentes procedentes da zona meridional de Galicia. A Crónica de Afonso III relata como xa nos tempos de Afonso I se enviaron expedicións de rapina contra Porto, Braga, Viseu e Chaves. Tratábase máis ben de aceifas ou razzias que non implicaban políticas de asentamento, en que participaban cristiáns que habitaban en Asturias e no N de Galicia. Segundo a Crónica Albedense, en tempos de Afonso III nobres galegos reconquistaron estas e outras vilas que tiñan pasado novamente a dominio musulmán, e as repoboaron ademais de fundar novas poboacións, como Hermenexildo Gutiérrez que conquistou Coimbra e a repoboou de galegos. As campañas expansionistas do reino asturiano (ao que as crónicas árabes chaman sempre Galicia) formaban parte dun proxecto de amplo alcance para integrar os territorios miñotos e durienses baixo o control dos monarcas asturianos. Para algúns historiadores portugueses, que denominan aos reis asturianos coma simples xefes de nobres, o repoboamento cristián entre Miño e Mondego foi debido máis á iniciativa dos nobres galegos que actuaban pola súa conta, que a un programa expansionista da monarquía asturiana rexeitando a interpretación literal da Crónica Albedense, que tiña feito Alexandre Herculano e a historiografía romántica lusitana. A autonomía con que estes nobres actuaban amosa o feito de que condes galegos participaron aliados con Almanzor no saqueo de Santiago ou as actividades expansionistas dos descendentes do conde Vimara Peres, conquistador e poboador de Porto. A crise e descomposición do califato de Córdoba permitiu recuperar as terras do val do Douro que caeran novamente baixo control musulmán ao longo do s X. De novo familias galegas trasladáronse á fronteira meridional para garantir o dominio cristián do val do Mondego. A creación do Reino de Portugal non impediu que continuaran os contactos e as migracións entre as dúas beiras do Miño e do Limia aínda que estas estaban condicionadas aos problemas fronteirizos e aos conflitos dinásticos que periodicamente estoupaban entre Portugal e Castela. Navegantes galegos participaron ao servizo da monarquía lusa nos tempos das viaxes descubridoras portuguesas. O máis coñecido foi Xoán de Novoa. Na época moderna os maiores afluxos de galegos a Portugal aconteceron no s XVIII motivado por dúas circunstancias: o terremoto de Lisboa favoreceu a chegada masiva de canteiros pontevedreses para os traballos de reconstrución da capital, e a fuxida dos sorteos de quintas. Contabilízanse ao redor de 60.000 galegos vivindo en Portugal nesa centuria e 80.000 no s XIX. O Centro Galego de Lisboa creouse en 1908 co nome de Xuventude de Galiza en Lisboa, a iniciativa dun grupo de 38 emigrantes, e desde entón vén desenvolvendo un amplo labor de promoción da cultura galega por medio de publicacións, grupos folclóricos, actividades culturais e deportivas e doutra índole. Desde finais do s XX hai unha notable presenza de profesionais galegos da medicina, especialmente no N de Portugal, pero tamén en Lisboa e noutras cidades.