posesión

posesión

(< lat possessĭōne)

  1. s f

    Acción de ter ou posuír unha cousa.

    Ex: Os documentos están en posesión do avogado.

  2. s f
    1. Cousa posuída.

      Ex: Ten moitas posesións na cidade.

    2. [DER]

      Acción de posuír ou de facerse materialmente cunha cousa, que inclúe o poder efectivo sobre ela, independentemente da súa lexitimidade, e a cousa posuída con causa xusta e de boa fe e con intención de dispor dela. Como relación xurídica, a lei protéxea como unha propiedade, e o dereito é equiparable ao dominio.

  3. s f

    Territorio situado fóra das fronteiras dun estado, pero que lle pertence por convenio ou por conquista.

  4. [PSIC]
    1. s f

      Forma de delirio en que o suxeito se cre tomado por forzas ocultas, coma demos, animais ou persoas, que en certos momentos poden substituír a súa vontade.

    2. posesión diabólica

      Estado mental que se traduce nun comportamento considerado por unha comunidade cunhas determinadas crenzas máxicas ou relixiosas como unha demostración de que o individuo que o padece está baixo a influencia dunha forza de orixe sobrenatural. Desde o punto de vista da psicoloxía científica, as posesións considéranse manifestacións de neuroses, psicoses ou doenzas orgánicas canalizadas social ou culturalmente. Unha das formas máis coñecidas e máis espalladas é a do vodú.

  5. dar posesión [DER]

    Pór realmente unha cousa a disposición de alguén, librarlle un instrumento como símbolo da tradición real da cousa ou da transmisión duns dereitos ou cousas incorporais.

  6. tomar posesión [DER]

    Executar algún acto que mostre o exercicio do dereito, o uso ou a libre disposición daquilo que se comeza a posuír.

    Ex: Tomar posesión dun cargo.

Palabras veciñas

Pose Varela, Luís | Pose, Xoán | Posen | posesión | posesivo -va | poseso -sa | posesor -ra