Pósitos Marítimos de Pescadores

Pósitos Marítimos de Pescadores

Asociacións cooperativas que non distinguían entre armadores e mariñeiros, que arelaban a mellora das condicións de vida do colectivo pesqueiro mediante o establecemento de socorros e seguros, a extensión cultural entre os asociados e o acceso ao crédito. Impulsados no devalo da Primeira Guerra Mundial polo capitán de corveta Alfredo Saralegui, estaban inspirados nas vellas confrarías de pescadores do Antigo Réxime. O funcionamento interno era de carácter corporativo, amosando un talante conciliador entre os intereses de armadores e mariñeiros e unha práctica oposta aos sindicatos de clase no mundo do mar. O primeiro que funcionou no litoral español foi o de Cambados, constituído en Nadal de 1917. Logo, aproveitando a persecución dos sindicatos durante a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), estendéronse por toda a beiramar galega conformando, en 1925, a Federación Gallega de Pósitos Marítimos á que pertenceron en torno a medio centenar de colectivos. Tras a Guerra Civil Española (1936-1939), foron denominados confrarías de pescadores, unha vez depurados aqueles asociados considerados desafectos ao novo réxime.

Palabras veciñas

positivo -va | positón | positonio | Pósitos Marítimos de Pescadores | positrón | positronio | posliminio