Prada, Amancio
Músico e compositor. Pasou parte da súa infancia e a súa adolescencia en Cambados, onde coñeceu a tradición musical galega. Estudou socioloxía na Université de La Sorbonne de París e tamén harmonía, composición e guitarra. En 1973 comezou as súas actuacións, xunto con outros músicos, na radio e a televisión, e gravou o seu primeiro disco, Vida e Morte (1974), onde musicou poemas de Rosalía, Celso E. Ferreiro e Darío X. Cabana.
En 1975 regresou a España e dedicouse á composición de temas para os seus primeiros discos Rosalía de Castro (1975), Caravel de caraveles (1976), en que recompila numerosas cancións populares galegas; Lelia Doura (1977), Canciones de amor y celda (1979) e Cántico Espiritual (1977), co que iniciou unha serie de concertos por distintos auditorios. Proseguiu coa súa produción discográfica que recolleu en Dulce vino de olvido (1985), A dama e o cabaleiro (1987), Emboscados (1994), Rosas a Rosalía (1997), De mar e terra (1999), Escrito está (2001) e Canciones del Alma (2003). Outras producións son Sonetos y canciones de Federico García Lorca (2004), o seu segundo disco-libro, Rosalía siempre (2005), Resonancias de Rosalía (2014) e La voz descalza (2015).
Colaborou con numerosos artistas e obtivo distintos premios e galardóns: Medalla de Oro do Círculo de Bellas Artes de Madrid (2001), Premio das Artes "Gil y Carrasco", Castaña de Ouro, 1ª Edición (2004), Premio Celanova Casa dos Poetas (2005) e Premio Castela e León das Artes (2005) .
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Dehesas, León