Prado Mariño, Manuel Francisco de

Prado Mariño, Manuel Francisco de

(Santiago de Compostela 22.9.1772 - 19.1.1822) Escultor, irmán de Melchor de Prado Mariño. Formouse na Escuela Patriótica de Dibujo da Real Sociedad Económica Amigos del País de Santiago e co seu irmán, que lle encargou a realización das imaxes da Dolorosa e das Ánimas para San Mamede de Carnota. Influído por Xosé Ferreiro, na súa obra está presente o historicismo e o eclecticismo que aínda mira ao barroco. Buscou a individualización dos personaxes e a representación das paixóns da alma a través dos rostros, que nas representacións femininas están idealizados. Entre as súas obras destacan varias imaxes e retablos para as igrexas de San Miguel e Santa María do Camiño, varias imaxes para a igrexa de San Bieito do Campo e os retablos da igrexa das Ánimas e a Inmaculada Concepción para a capela maior da catedral compostelá. Fóra de Santiago de Compostela realizou a Virxe das Dores para a igrexa do convento San Domingos da Coruña, o retablo do trascoro da catedral de Lugo coas súas imaxes, o altar maior de Santa María de Montouto en Xallas, a Virxe do Rosario para Santiago de Padrón, o altar maior do santuario da Virxe Peregrina en Pontevedra e a Virxe do Portal do santuario homónimo en Ribadavia.