Prado Vallo, Manuel de

Prado Vallo, Manuel de

Arquitecto, fillo de Melchor de Prado Mariño. Iniciouse co seu pai e obtivo en 1839 o título de arquitecto pola Academia de Bellas Artes de San Fernando. Foi arquitecto municipal de Santiago de Compostela desde 1840 e como tal encargouse de diversos trazados urbanísticos e construtivos como os proxectos para o Teatro Principal (1841) e para o mercado de abastos (1850), a construción do primeiro cemiterio xeral da cidade, inaugurado en 1847, as escalinatas da universidade (1844) ou o peche do pazo arcebispal na Acibechería (1854). O seu academicismo caracterizouse pola ausencia da monumentalidade e polas composicións sobrias e austeras. Cara a finais da década de 1850 a súa produción volveuse máis ecléctica, sen abandonar as pautas clasicistas. Os seus edificios de vivendas caracterizáronse pola claridade das liñas e das súas obras destacan Santiago de Padrón (1859) e a capela de Santa Minia de Brión (1857), San Pedro de Ribeira (1858) e San Miguel de Arca (1862), o antigo Café Suízo (1858) e diversos edificios de vivendas na praza de Cervantes (1856) e na rúa do Hórreo (1869-1871), entre outros.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela