Praga

Praga

Capital da República Checa e do kraj de Bohemia Central, situada nas ribeiras escarpadas do Vltava, entre as confluencias do Elba e do Berounka, no centro mesmo da conca hidrográfica bohemia (1.178.576 h [2001]). É un centro administrativo e un importante centro industrial. A chegada do oleoduto desde Ucraína e Bratislava comportou a creación dun gran complexo petroleoquímico e de refinarías. Habitada desde o Neolítico, no s IX converteuse coa dinastía premyslida na fortaleza máis destacada de Bohemia. Acadou o máximo esplendor no s XIV, co Emperador Carlos IV, que a erixiu capital do seu imperio, fundou a Nové Město e iniciou a unión de ambas as dúas cidades nun único municipio (1518). A partir da Primeira Defenestración de Praga (1419), a poboación pasou a ser puramente checa. Tras a revolta antihabsburgo (1547), perdida a autonomía, cedeu en importancia e a capitalidade a Viena. A Segunda Defenestración de Praga (1618) e a Guerra dos Trinta Anos convertérona nunha capital provinciana. O renacemento nacional, como reacción contra o centralismo de Xosé II, culminou coa revolución e a convocatoria dun Primeiro Congreso Paneslavista (1848). Sufocada a rebelión por Windischgrätz, os checos obtiveron a maioría nas eleccións municipais de 1861. Tras a fin da Primeira Guerra Mundial foi capital de Checoslovaquia independente. Sufriu unha dura opresión nazi (1939-1945) e foi escenario do golpe de estado que levou os comunistas ao poder (1948), e tamén do amplo movemento de liberalización coñecido por Primavera de Praga (1968). En 1993 converteuse na capital da nova República Checa. Do antigo núcleo da cidade (a actual Hradčany) queda o castelo Hrad, iniciado en madeira no s IX e substituído por obra de pedra nos ss XI-XII. O monumento principal de Hradčany é a catedral, Svatý Vít, construída sobre a primitiva por Mateu d’Arras e P. Parler (1348). Entre outras construcións románicas destaca o mosteiro dos beneditinos (s XII), o convento dos malteses e o palacio episcopal; entre as góticas, a sinagoga Staronová (s XIII) e a fachada do palacio comunal de Staré Město. A obra renacentista e a barroca configuran o aspecto da cidade: os palacios Schwarzenberg, Sternberk ou Černin, a igrexa Panny Marie Vítězné (onde está o Neno Xesús, Pražske Jezulátko). A finais do s XVII e sobre todo no s XVIII converteuse nun centro musical de grande actividade. Mozart dedicoulle á cidade a súa sinfonía número 38, titulada Praga, e a súa ópera Don Giovanni (1787). Ten tres teatros de ópera, diversas salas de concertos e alí celébrase un festival internacional de música en primavera.