praia
(< lat plagĭa)
Acumulación litoral ou fluvial de sedimentos libres constituídos por areas, gravas e cantos nunha superficie case chaira e con pouca pendente. Fórmanse como consecuencia da acción da ondada e do fluxo e refluxo das mareas. As orixes máis habituais destes sedimentos son as correntes mariñas e fluviais, os cantís en fase de retroceso, os restos de cunchas mariñas e corais, os transportes eólicos e os vertidos artificiais. Cando están formadas por depósitos costeiros de cantos máis grosos ca a grava fálase de praias de cantos ou pedregosas; cando predominan os materiais sedimentarios máis finos trátase de praias areentas. A súa xénese está en relación con calquera obstáculo, tanto mergullado como emerxido, que free a propagación das ondas e, consecuentemente, diminúa a súa capacidade de transporte e a súa competencia erosiva, para proceder á deposición dos materiais. Unha vez sedimentados, son sometidos a unha acción de desgaste por parte das ondas que lles confiren unha morfoloxía de formas achairadas e pouco disimétricas. Nunha praia diferéncianse varias partes. O límite superior corresponde coa liña máis alta acadada polas ondas durante os temporais -o seu cume denomínase crista de praia. O límite inferior coincide co punto mar a dentro no que a ondada deixa xa de ter unha acción directa sobre o fondo. Dentro destes límites, danse varios elementos morfolóxicos: a antepraia, constituída pola área permanentemente somerxida; a baixa praia, dominada por sedimentos finos, que coincide co límite inferior do espazo varrido polas augas mariñas e se desenvolve ata o límite da baixamar; e o cordón litoral ou praia alta, parte superior onde se acumulan os materiais de maior calibre polas ondas do temporal. A praia alta e a praia baixa están separadas polo nivel medio do abalo. Tras a praia alta, e cara ao interior, pódese atopar unha lagoa litoral. As praias sitúanse sobre plataformas de rocha sólida arrasadas polas ondas, ou plataformas de abrasión cun gradiente pequeno e perfil lixeiramente cóncavo. Segundo a súa forma diferéncianse: praias en arco, cando pechan unha concavidade entre dous promontorios rochosos; en cola de cometa, cando a acumulación se dispón de forma alongada ao abeiro dun illote; e en frecha ou barra, cando os sedimentos quedan unidos á costa por un extremo e progresan polo oposto (tómbolos e cordóns litorais). As praias son as formacións naturais máis eficaces de defensa da costa fronte ás ondadas. A súa estrutura, moi flexible, absorbe eficazmente a enerxía das ondas. Tamén se aplica o termo de praias ás acumulacións areentas na ribeira dos ríos e lagos, ás praias de fondo de badía, ás praias de tormenta e ás praias levantadas ou socalcos mariños. Unha praia de lago correspóndese á conca de drenaxe endorreica que contén un lago pouco profundo, flutuante, xeralmente salino, rodeado de extensións salinas, e costras ou lodos alcalinos. As de fondo de badía son de embolsamento debido á acumulación de sedimentos no fondo dunha badía; as de tormenta, son masas lineais, de material groso e redondeado, que se acumularon a grande altura sobre a costa durante unha tormenta. As praias de socalcos mariños son depósitos litorais elevados sobre o actual nivel do mar, tanto por movementos isostáticos positivos como por un descenso do nivel do mar. Os primeiros movementos turísticos europeos, desenvolvidos polas clases aristocráticas desde o s XVIII, apreciaron as praias como lugares de recreo; pero non foi ata a segunda metade do s XX cando tivo lugar o seu aproveitamento masivo. O desenvolvemento económico que se produciu nas áreas industrializadas a partir da década de 1950 traduciuse nunha nova sociedade do consumo e do lecer que privilexiaba estes espazos como lugares preferenciais de aproveitamento. A redución da xornada laboral, a institución de períodos de vacacións, o aumento dos salarios e das rendas económicas en xeral, a dispoñibilidade dun medio de transporte individual como o automóbil, a atracción impulsada polo sector turístico a través de promocións públicas e privadas, a xeneralización dunha cultura de sol e praia e a expansión das prácticas deportivas, deron lugar a que as praias se convertesen en iconas do aproveitamento do tempo libre. Trátase dun turismo que, polas causas sinaladas e outras, se traduciu nun movemento de masas cara a estas áreas, fundamentalmente de forma estacional, no verán. Por todo isto, as praias constitúense como un uso económico de primeira magnitude xa que ao redor delas se desenvolven actividades turísticas con gran repercusión laboral e económica. A multiplicación de habitantes nas áreas de praia fixeron medrar exponencialmente a demanda de todo tipo de servizos, especialmente os relacionados co turismo. A delimitación das praias ten unha grande importancia na ordenación territorial e urbanística. O seu atractivo turístico fomenta unha presión ocupacional que pode chegar a saturar a súa limitada capacidade de acollida. O seu uso urbano e turístico xera novas funcións e construcións nos arredores das mesmas, ademais de borrar a imaxe dun espazo natural. En España, a Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, delimita as praias como un dos compoñentes do dominio público denominado ribeira do mar, quedando incluídas dentro do termo municipal. Correspóndelles aos municipios a explotación dos servizos que poidan establecerse nelas por calquera das formas previstas na lexislación de réxime local. Así mesmo, o mantemento da súa limpeza, hixiene e salubridade e o salvamento e seguridade tamén é responsabilidade da administración local. O estado central resérvase a creación, rexeneración e recuperación das praias a través dos organismos correspondentes, co fin de protexer o patrimonio natural e mellorar a infraestrutura turística. As praias clasifícanse segundo a súa calidade e as súas condicións hixiénicas, e nos países europeos, a súa boa saúde vén ratificada coa concesión do distintivo da bandeira azul que se outorga a aquelas que se axusten ás directrices de calidade ambiental esixidas pola UE. A costa galega, proporcionalmente de maior lonxitude ca a das outras rexións marítimas da Península Ibérica, é rica no seu número de praias (un total de 772) e nas súas variedades.