Predicadores, orde de

Predicadores, orde de

Orde relixiosa mendicante fundada por san Domingos de Guzmán en Toulouse. Os seus membros son coñecidos tamén co nome de dominicanos. Xurdiu como réplica católica ao predominio da doutrina albixense, pero coa finalidade da predicación universal. Foi aprobada por Folquet, bispo de Toulouse, en 1215, e confirmada en 1216 polo Papa Honorio III. As constitucións recolleron a súa redacción definitiva en 1241, grazas ao mestre Reimundo de Penyafort (logo modificadas en 1924 e en 1968). Moitos dos seus membros, erixidos en defensores da pureza da fe católica, exerceron funcións xudiciais no Tribunal da Inquisición e, de feito, Reimundo de Penyafort, Nicolau Eimeric e Bernat Gui, organizaron xuridicamente esta institución, que desde ese momento quedou en mans da orde. No eido da teoloxía exerceron unha importante tarefa de divulgación a partir das figuras de santo Alberte o Magno e san Tomé de Aquino. Tiveron especial importancia os estudos xerais da orde en París, Oxford, Colonia, Boloña e Montpellier. A orde reflectiu, non obstante, xa desde o s XIV, a crise da Igrexa e existiu unha forte reflexión na observación regular. Esta decadencia xeral motivou unha forte reacción minoritaria animada por santa Catarina de Siena e dirixida por Raimondo de Capua, mestre xeral da orde desde 1380. O s XVI foi un período de plenitude dominicana: na empresa evanxelizadora de América destacou a forte personalidade de Bartolomé de Las Casas; e no eido da teoloxía destacaron figuras como Tommaso de Vio e a escola salmantina con Francisco de Vitoria, Melchor Cano, Domingo de Soto e Domingo Báñez. No s XVIII, produciuse a expansión misioneira a Extremo Oriente. As convulsións políticas de Europa e de América desde finais do s XVIII ata a primeira metade do XIX arruinaron a vida dominicana. No s XIX produciuse un novo rexurdir en Francia, a partir do predicador Jean-Baptiste-Henri Lacordaire e do biblista Marie-Joseph Lagrange. Ata o de hoxe, os dominicanos franceses continuan a ser a vangarda intelectual da orde, como o testemuñan Marie-Aubin-Gontran, Réginald Garrigou-Lagrange, Marie-Dominique Chenu e Yves-Marie Congar. Os dominicanos son tamén coñecidos como Frades Predicadores; visten tradicionalmente hábito e escapulario brancos e capa negra cun cinto de onde colga o rosario. A rama feminina, as monxas dominicanas ou Segunda Orde dominicana, foi fundada cara a 1208 polo mesmo san Domingos de Guzmán en Notre-Dame-de-Prouille. Ademais conta con outras ordes auxiliares. A orde organízase en provincias e a máxima autoridade é o mestre xeral que reside en Santa Sabina (Roma).
A orde de Predicadores en España e en Galicia
España está estruturada nas provincias de España, do Santo Rosario, Aragón e Andalucía; as monxas dominicanas organízanse nas federacións de Santo Domingo, a Inmaculada Concepción e Nuestra Señora del Rosario. A presenza dos dominicanos en Galicia remóntase a 1219 cando san Domingos de Guzmán peregrinou a Santiago de Compostela, onde se fundou o primeiro convento de Galicia. No mesmo s XIII, fundáronse os de Ribadavia, Tui, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Viveiro e Ortigueira; no s XIV establecéronse o feminino de monxas da Asunción en Belvís en Santiago de Compostela, Nosa Señora de Valdeflores en Viveiro e A Nova en Lugo; no s XV fundáronse o feminino de Baiona, e os conventos de Betanzos, Pantón e San Sadurniño; e no s XVII creáronse os de Monforte e Ourense. Despois da exclaustración, os domincanos establecéronse en 1876 en Padrón. Á provincia de España pertecen o convento de San Domingos da Coruña, a comunidade que rexe a parroquia do Santísimo Cristo da Vitoria de Vigo e o colexio de San Domingos da Coruña; as monxas dominicanas de Baiona, Santiago de Compostela e Valdeflores en Viveiro, pertencen á Federación de Santo Domingo.