prehistoria

prehistoria

(

  1. s f [PREHIST]
    1. Período histórico comprendido desde a aparición dos primeiros homínidos ata a invención da escritura e a manifestación dos primeiros textos escritos.

    2. Tempo anterior ao tempo histórico.

  2. s f [PREHIST]
    1. Ciencia xurdida durante a primeira metade do s XIX que se ocupa do estudo da época e das sociedades anteriores ao uso da escritura, durante o período chamado prehistórico ou anterior á historia. Na súa formación confluíron dúas correntes: o estudo dos pobos do primeiro milenio a C, coñecidos por referencias escritas clásicas (caso dos celtas), fase frecuentemente denominada protohistórica, e a descuberta do home paleolítico, ligada aos estudos xeolóxicos, paleontolóxicos e antropolóxicos. Cara a 1820, o arqueólogo danés J. C. Thomsen estableceu as tres grandes fases da humanidade primitiva baseándose nos materiais utilizados (Idade de Pedra, de Bronce e de Ferro). A comezos do s XX xa se conseguira o esquema xeral que hoxe aínda se ten por válido. Primeiro, o Paleolítico (dividido en Inferior, Medio e Superior), desde a hominización ata o home de Cro-Magnon (3000000 a C-10000 a C) seguida dunha etapa relativamente breve, o Epipaleolítico ou Mesolítico (de dous mil a catro mil anos). Co Neolítico o home fíxose pastor e labrego, comezou a fabricar cerámica e a vida organizouse en aldeas. Iniciado en Oriente Próximo cara ao 7000 a C, estendeuse ás terras mediterráneas e boa parte de Europa desde o 5000 ou 4000 a C. A derradeira fase da Prehistoria foi a Idade dos Metais. Primeiro a Idade de Cobre (Eneolítico ou Calcolítico), despois a Idade de Bronce e, finalmente, a Idade de Ferro.

    2. Estudo da fase preliminar dunha institución, dunha actividade ou dunha ideoloxía.