Prieto Nespereira, Xulio

Prieto Nespereira, Xulio

Gravador. Iniciouse no campo da pintura para logo centrarse no gravado, campo no que actuou como difusor e docente. Presidiu a Agrupación Española de Artistas Grabadores e foi un dos impulsores da creación do Museo Nacional de Grabado Contemporáneo y Sistemas de Estampación, que dirixiu entre 1967 e 1968. A súa evolución artística pode dividirse en varias etapas. Desde 1921 a 1925 cultivou o figurativismo, co predominio da técnica do linóleo e a augaforte, así como da figura humana e a temática social. Entre 1925 e 1950 dominou a augaforte e cultivou representacións realistas e temas costumistas de estilo tradicional e influencia rexionalista. A época de plenitude acadouna entre 1950 e 1960, nunha etapa non imitativa con ensaios de nova figuración e cubismo, onde abandonou a reprodución realista de paisaxes e monumentos. Desde 1960 a 1962 as súas obras caracterizáronse polo expresionismo, para logo evolucionar cara á abstracción cun novo pulo vangardista. Da súa produción destacan Betanzos (1925), Bodegón (1929), Rastro de Madrid (1930), Estampa galega (1935), Santiago de Compostela, Ría gallega (1935), Segadoras (1953), Vendedoras de peces (1957), Mar y cielo (1967), Remanso e El huesped sevillano. Recibiu a Medalla de Oro da Exposición Nacional de Bellas Artes (1932), a Medalla Centenario no Círculo de Bellas Artes de Madrid (1980) e a Medalla de Oro al Mérito en Bellas Artes (1974). Foi académico correspondente da Real Academia Galega. Na súa memoria convócase o Premio Julio Prieto Nespereira.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Madrid