Primeiro de Maio, o
Festa internacional do traballo. Foi instituída como unha xornada de loita do proletariado internacional na derradeira sesión do Congreso Internacional Socialista, celebrado na sala Pétrelle de París do 14 ao 20 de xullo de 1889. Tiña por finalidade reunir, nunha xornada de loita internacional, a clase obreira fronte ao capital. A institucionalización deste día polos diferentes estados transformouna de xornada de loita reivindicativa do proletariado en festa do traballo. En Galicia, esta data estivo vinculada ás tácticas legalistas do obreirismo socialista, que aproveitou a ocasión para darlle pulo á súa implantación en Lugo, Pontevedra, Vigo, Ourense e Ferrol, no devalo do s XIX. Ao redor da Primeira Guerra Mundial, a celebración consistía nun paro máis ou menos simbólico, un mitin e unha manifestación posterior para entregar as conclusións ás autoridades, finalizando cunha festa campestre. Por aquel entón, a conmemoración fíxose extensiva ás vilas que contaban con sociedades obreiras de carácter socialista, como Betanzos, Chantada, Marín, Monforte de Lemos, Ribadavia, Tui, Verín ou Viveiro. Coa chegada da Segunda República, a data declarouse festiva e foi celebrada masivamente en toda a Galicia urbana polos sindicatos socialistas e comunistas, intensificándose as críticas dos libertarios pola perda da xornada reivindicativa. Na Frente Popular o Primeiro de Maio de 1936 amosou a forza e unidade entre todas as correntes proletarias, radicalizando a teima antirrepublicana das clases conservadoras. Tras a Guerra Civil Española prohibíuse e foi substituída pola festividade de san Xosé Obreiro, conservando durante décadas a súa simboloxía de loita antifranquista en todas as cidades galegas, ata que se volveu celebrar coa chegada da democracia.