profetismo
(
Actividade e obra dos profetas, sobre todo hebreos, aínda que o fenómeno non se limita a ningún ambiente histórico exclusivo. Cabe interpretar como tal a prédica e a obra dos grandes reformadores relixiosos: Buda, Zaratustra, e sobre todo Mahoma. No Antigo Testamento aparecen grupos de profetas participando nas festas populares dos santuarios. Na época dos reis formaban parte do persoal fixo ao servizo do templo ou da corte: os ambientes de Elías e Eliseo implican comunidades de discípulos que vivían pobremente fóra das vilas. Cara ao s IV a C, os abusos dos falsos profetas fixeron caer a institución no descrédito ata a súa desaparición. Nos comezos do Novo Testamento comezou a renacer: comunidades de bautistas volveron ao deserto e predicaron a pureza e a conversión. Destacan san Xoán Bautista e Xesús Cristo, aclamados como profetas. Na primitiva comunidade cristiá foi un carisma normal. Os elementos proféticos enriqueceron a literatura apostólica e apócrifa, e os anuncios da inminencia do retorno de Xesús Cristo e do xuízo final caracterizaron a maior parte da literatura e a prédica medieval. Coa obra de Joachim de Fiore o profetismo converteuse, no s XIII, nun elemento de controversia, sobre todo na loita entre franciscanos conventuais e espirituais. No s XVI comezou a substituírse por breves escritos admonitorios, moitas veces de difícil comprensión, ou por prédicas apocalípticas.