proletariado

proletariado

(

Clase social constituída polo conxunto dos obreiros industrializados e dos labregos sen recursos que dan a súa forza de traballo a cambio dun salario. Froito do sistema capitalista de produción, o proletariado apareceu como clase coa Revolución Industrial do s XIX, e caracterizouse polo feito de que os seus membros non podían subsistir se non era vendendo a súa forza de traballo aos propietarios do capital. Este fenómeno comportou, por unha banda, o enriquecemento progresivo do capital grazas á apropiación da plusvalía producida pola forza de traballo, e pola outra, a ampliación da base do proletariado e a súa concentración en grandes fábricas e nas grandes cidades, a través da competencia capitalista. A conciencia de clase desembocou na loita de clases: o inimigo non era xa o Antigo Réxime, contra o que loitaban os burgueses e o pobo unidos, senón a mesma burguesía. K. Marx e F. Engels, na súa interpretación deste proceso (materialismo dialéctico), anunciaron unha proletarización crecente. A existencia dun capitalismo imperialista veu acompañada do devalar dos estados socialistas europeos. O imperialismo, pola contra, ampliou o concepto ata confundilo co do denominado Terceiro Mundo.
O nacemento do proletariado en Galicia
A finais do s XIX apenas se pode falar de proletariado, tan só uns poucos milleiros de asalariados ocupados principalmente nas capitais de provincia, Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo, merecerían tal consideración. Daquela, as principais concentracións obreiras eran a Fábrica de Tabacos coruñesa, onde traballaban máis de 4.000 mulleres, e o Arsenal de Ferrol, que daba ocupación a 2.500 obreiros en 1883. Con todo, a nova centuria trouxo canda ela un sensible desenvolvemento urbano e un innegable dinamismo nalgunhas ramas da industria pois, a partir da Primeira Guerra Mundial e acompañando ao repunte do vello Arsenal ferrolán, o medre das actividades de transformación do peixe e o desenvolvemento da pesca industrial nos portos de Vigo, A Coruña e na bisbarra do Morrazo, posibilitaron a creación dun sector auxiliar dinámico e diversificado no que se refire á construción naval, metalurxia aplicada, estampación e actividades portuarias. Daquela, produciuse a creación de novas capas asalariadas, de proveniencia rural e sen ningunha tradición proletaria, nas vilas e no contorno das cidades. Con todo, na década de 1930, a industria e o sector servizos representaban en Galicia o 39% da poboación activa, algo que estaba moi por debaixo da media española, e as unidades produtivas rara vez superaban os 100 traballadores. Ademais, unha boa parte dos asalariados empregados en vilas e cidades residían nun espazo semi-urbano, dedicados ás tarefas do campo a tempo parcial. Antes da Guerra Civil Española, o reducido proletariado galego estaba xeográfica e socialmente illado nunha sociedade maioritariamente rural, mantiña unha forte compoñente artesá e unhas orixes labregas aínda moi presentes, mentres que amplas capas, como o proletariado feminino e os mariñeiros, tiñan características singulares, vinculados a unha discontinuidade nos labores que contribuían a diminuír a homoxeneidade do colectivo.