protozoo

protozoo

(< proto- + -zoo)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos protozoos.

    Sinónimos: microzoo.
  2. s m [PROTISTA]

    Organismo do subreino dos protozoos.

    Sinónimos: microzoo.
  3. s m pl [PROTISTA]

    Subreino de protistas que inclúe especies eucariotas unicelulares que se alimentan por inxestión e presentan unha gran variedade morfolóxica. Algúns forman colonias onde cada célula conserva a súa individualidade fisiolóxica e reprodutora, manifestándose así un principio de división de funcións. O seu tamaño vai de 2 ì a 1.000 ì, aínda que a media é de 20 a 100 ì. De forma variada, os primitivos son esféricos, pero alónganse e polarízanse a medida que evolucionan. A súa estrutura normal é a dunha célula típica eucariota, aínda que presentan diferenciacións especiais. Carecen de parede celular, pero si posúen membrana celular. Esta é única nos ameboides, pero os outros grupos presentan ademais unha membrana secundaria debida á presenza dunha cutícula ou dun exoesqueleto resultantes da excreción de produtos pécticos. Así determina o sistema de alimentación, de maneira que nos que soamente teñen membrana fundamental a alimentación ten lugar por fagocitose, mentres que nos que teñen membrana secundaria ten lugar por osmose ou ben mediante a citostoma. Así mesmo, cabe mencionar a relación das diferenzas motrices coa calidade da membrana, é dicir, a posibilidade de moverse por pseudópodo ou ben por orgánulos vibrátiles (cilios ou flaxelos). O citoplasma é a parte con máis variacións entre os diferentes grupos de protozoos, e cabe distinguir entre o ectoplasma, ás veces moi vacuolado, e o endoplasma, que en certos grupos se separan por tabiques que constitúen un auténtico endoesqueleto. No citoplasma hai, como substancias de reserva, amidón ou paramidón, glicóxeno, oleína e volutina ou leucocina. Os vacúolos poden ser de reserva, dixestivos ou excretores, e ás veces atópanse substancias fotosensibles que forman os estigmas. As especies máis evolucionadas presentan xa diferenzas motrices e sensitivas (minemas e neuronemas). A reprodución pode ser sexual, e segundo o tamaño relativo dos gametos fálase de isogamia ou de anisogamia, ou asexual, producida por bipartición, multipartición, xemación ou esporulación. Respecto ao hábitat, levan vida activa se o medio é líquido (augas mariñas ou doces, ou ben nos líquidos internos de vexetais ou animais). En caso de desecación do medio, pasan da vida activa ao estado de quiescencia, a través dun proceso de enquistamento que permite a súa supervivencia nas condicións máis adversas. A maioría son animais de vida libre, pero algunhas especies son simbióticas ou ben parasitas. Entre os filos máis importantes están os sarcomastigóforos (flaxelados e amebas), os apicomplexos (parasitos intracelulares) e os cilióforos (ciliados). Coñécense unhas 30.000 especies e un número maior de formas fósiles.

    Sinónimos: microzoo.