Prusia
Antigo estado alemán, situado entre o centro e o N da antiga Alemaña unificada, desde as montañas de Alemaña central ata o mar do Norte, e do Rin ao Nemunas (292.800 km2). Como estado libre incluía Prusia Oriental, situada ao L do corredor polaco, que cortou o territorio prusiano despois da Primeira Guerra Mundial, Brandenburgo, Pomerania, Silesia, gran parte da Saxonia, Slesvig-Holstein, Hannover, Westfalia, Hessen-Nassau, as provincias do Rin e os países de Hohenzollern ao SO de Alemaña, enclavados dentro do territorio de Baviera. O seu territorio está atravesado pola maioría dos grandes ríos alemáns; Rin, Ems, Weser, Elba e Oder. A súa economía baséase na agricultura, con predominio do cultivo de patacas, centeo, orxo e avea. Nas rexións occidentais, hai un predominio da industria, sobre todo no Rhur prusiano que se beneficiou dos depósitos de carbón. Os sectores industriais máis desenvolvidos son os da siderurxia e metalurxia, a química, o téxtil, a electrotecnia, a mecánica de precisión e a óptica. En 1226 o duque Conrado I de Mazovia solicitou a axuda da orde Teutónica para facer fronte aos ataques dos prusianos da rexión litoral no leste do Vístula. Pero a orde, entre 1229 e 1295, someteu as terras entre o Vístula e o Nemunas, substituíu a poboación báltica por colonos alemáns, edificou fortalezas e creou numerosas cidades. Durante o s XIV levou a cabo unha política de expansión territorial e xermanización. Polonia e Lituania, vítimas das agresións, uniron as súas forzas, derrotaron os teutóns en Grünwald-Tannenberg (1410) e polo Segundo Tratado de Toruń (1466) obrigáronos a ceder Prusia Occidental e a prestar vasalaxe ao rei poloco por Prusia Oriental. En 1525 o gran mestre Alberte de Hohenzollern (Alberto I de Prusia) adheriuse á Reforma protestante, secularizou a orde e transformou o estado teocrático prusiano nun ducado laico hereditario. Despois da morte do seu fillo e sucesor, o demente Alberte Federico (1568-1618), Prusia, sen perder o carácter de feudo polaco, uniuse ás posesións do elector de Brandenburgo, Xoán Sexismundo (?-1619), tamén da familia Hohenzollern. Federico Guillerme I de Brandenburgo o Grande Elector (1640-1688) subtraeu Prusia da tutela polaca e reforzou os seus poderes en detrimento das asembleas de nobres e burgueses; pero non conseguiu unir Brandenburgo e Prusia nun só bloque territorial. Federico III de Brandenburgo converteuse en 1701 en rei de Prusia (Federico I de Prusia, 1701-1713) e desde entón, o nome de Prusia aplicóuse á totalidade dos dominios dos Hohenzollern berlineses (Prusia, Brandenburgo, Pomerania, Kottbus, ducado de Kleve, Magdeburg, Minden e outros territorios) que constituíron, pola súa extensión e polo exército creado polo Grande Elector, o máis poderoso estado, despois de Austria, do Sacro Imperio Xermánico. Federico Guillerme I de Prusia o Rei Sarxento (1713-1740) proseguiu a transformación do territorio nun estado centralizado, militarista e burocrático. Federico II de Prusia (1740-1786) arrebatoulle Silesia aos Habsburgo vieneses e Prusia Occidental a Polonia. Con Federico II, Prusia, ampliada territorialmente, enriquecida cun programa económico mercantilista e modernizada, adquiriu o rango de potencia europea xunto con Francia, Reino Unido, Rusia e Austria, e comezou a disputarlle a este estado a dirección do Imperio Xermánico. Agás unha paréntese de once anos (1795-1806), adoptou unha actitude combativa fronte á Francia revolucionaria e napoleónica. As derrotas de Jena e Auerstedt (1806), a ocupación de Berlín e as duras condicións do Tratado de Tilsit (1807), polo que o estado prusiano perdeu a metade do seu territorio, provocaron, tras uns momentos de desmoralización, unha reacción positiva. O sentimento nacional e os programas rexeneracionistas da intelectualidade e dos xefes do exército e da administración propiciaron a formación dun exército nacional, a reestruturación do ensino, e a reforma das estruturas sociais, aínda feudais, aínda que sen atentar contra os intereses da nobreza terratenente (os junker). O novo exército manifestou a súa eficacia expulsando do país as tropas de Napoleón I Bonaparte e en Leipzig (1813) e en Waterloo (1815). O Congreso de Viena (1814-1815) reduciu os seus dominios en Polonia e ampliounos ao oeste de Alemaña, co compromiso de impedir toda tentativa revolucionaria en Francia e foi nesta zona (Saarland, Ruhr, Westfalia) e en Silesia onde se localizou pouco despois a grande industria prusiana. O incremento do poder de Prusia exacerbou a rivalidade entre Berlín e Viena, ao tempo que aglutinou ao redor dos Hohenzollern os alemáns desexosos de reconstruír a unidade nacional. Pero os seus proxectos, que supoñían a implantación dun réxime constitucional, atoparon pouca acollida en Federico Guillerme III (1797-1840) e Federico Guillerme IV (1840-1861). Mentres, o Zollverein, ou unión aduaneira, forxaba a unificación económica e preparaba o terreo para a posterior unificación política, á que contribuíu Otto von Bismark, ministro desde 1862 de Guillerme I de Prusia (1861-1888). A partir deste momento, descartada Austria, vencida na Guerra Austro-prusiana (Batalla de Sadova, 1860), a historia de Prusia identificouse coa de Alemaña.