Puente Díaz de la Rocha, Rogelio

Puente Díaz de la Rocha, Rogelio

Pintor. De familia emigrante, entre 1946 e 1950 a súa vida transcorreu entre La Habana, EE UU, onde estudou, e Canadá. Co regreso da familia a Galicia, estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1950-1959). En 1962 trasladouse a Bournemouth (Inglaterra) para estudar socioloxía. Interesado polo deseño, as artes decorativas e a arquitectura do Movemento Moderno, viaxou por diversos países de Europa ata que en 1963 se instalou en Madrid e iniciou os estudos de arquitectura que, ao cabo de dous anos, abandonou pola pintura, completando catro anos de formación na Escuela de Artes Decorativas de Madrid. De clara vocación modernista, distinguiuse polo seu realismo subxetivista de raíz romántica e evocadora. Os seus retratos (María Sánchez Vigo, 1975; Rogelio Puente Matalobos, 1975) caracterizáronse por un certo aire de nostalxia e melancolía. Gustou de representar os ambientes que coñeceu durante as súas viaxes, especialmente aqueles cheos de espellos e vidreiras nos que as transparencias e os xogos de luz foron protagonistas; pintounos de xeito hiperrealista e cunha elegancia á vez luxosa e discreta. Representou cafés (Sala de billar, 1981; Café Mozart, 1995), bibliotecas (Vitrinas en la biblioteca, 1989; Sin retorno, 1989), balnearios (Verano en el balneario, 1981; Aguas termales, 1995), tendas e establecementos públicos (Pescadería, 1978; La rebotica, 1980) ou invernadoiros (Interior del invernadero, 1992; El sol a través de los cristales, 1994). Outras obras son máis intimista, como Reflejo de invierno en Venecia (1980), Recuerdo de un verano (1984) ou El regreso de la primavera (1989). Ilustrou a obra Historia de Galicia (1980), de Emilio González López, e recibiu o Premio Nacional Sotomayor (1979), o premio do Círculo de Bellas Artes de Madrid (1980) e o premio da Bienal de México (1984).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : La Habana

  • Deceso

    Lugar : A Coruña