Puglia ou Apulia

Puglia ou Apulia

Rexión de Italia meridional, situada no extremo SL da península, que limita ao O coas rexións de Lucania, Campania e Molise, e está bañada polos mares Adriático e Xónico. Comprende as provincias de Bari, Brindisi, Foggia, Lecce e Taranto (19.362 km2; 3.983.487 h [2001]). A súa capital é Bari. Xeoloxicamente, está constituída por un gran zócolo calcario que forma unha grande área case chaira, en que se poden diferenciar catro subrexións naturais: o Gargano, promontorio calcario achatado e recuberto localmente de bauxita; o Tavoliere di Puglia, chaira baixa e árida co zócolo calcario moi afundido; o Le Murge, altiplano calcario, con abundancia de fenómenos cársticos; e a Península Salentina, terra baixa, con cadeas de outeiros calcarios rodeados de zonas pantanosas. As difíciles condicións naturais deron lugar a unha tradición emigratoria. É a primeira rexión produtora de viño e de aceite de Italia. Outro recurso é a pesca nos portos de Gargano, Barletta e Taranto. Nesta última cidade instalouse o primeiro centro siderúrxico italiano.