pulga

pulga

(

  1. s f [ANIMAL/ENTOM]

    Nome xenérico de varias especies de insectos da orde dos sifonápteros, de pequenas dimensións (ata 6 mm), corpo comprimido, sen ás, con aparato bucal picador-zugador e patas longas que lles serven para saltar. Viven como ectoparasitos temporais dos vertebrados homeotermos (aves e mamíferos), dos que zugan o sangue. As larvas son ápodas e moitas son portadores de xermes de enfermidades infecciosas. A picadura da pulga común (Pulex irritans) pode transmitir ao home diversos parasitos, sobre todo bacterias (Salmonella, Staphylococcus, Rickettsia), vermes parasitos (cestodos, nematodos) e protozoos. A especie Xenopsylla cheopis (e a pulga común) é o principal axente transmisor da peste bubónica, que nalgúns lugares chega a ser endémica (India e Mongolia). Outras especies parasitan roedores, gatos ou cans.

  2. pulga de auga [ANIMAL]

    Nome que reciben os crustáceos branquiópodos do xénero Daphnia, da familia dos dáfnidos, de 1 a 3 mm de longo, co corpo protexido por unha cuncha dorsal que deixa libre a rexión cefálica. Habitan nas augas doces, no plancto superficial, onde son moi abundantes. Empréganse, secas, en acuariofilia, como alimento dos peixes.

  3. pulga de area/de mar [ANIMAL]

    Crustáceo, da orde dos anfípodos, que vive nas praias, baixo as materias vexetais arrastradas polo mar, e cando estas secan, entérranse na area húmida. Foxen dando grandes saltos cara ao mar.

  4. pulga de neve [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos mecópteros, duns 3-4 cm, de longas patas anteriores coas que dá saltos sobre a neve ou o xeo nos días soleados ou de desxeo, durante a época en que abandonan en estado larvario (inverno-primavera).

Refráns

  • A pulga que matan á unlla, espérea o seu home na lúa.
  • A pulga que vai á orella co diaño se aconsella.