pulgón

pulgón

(< pulga)

s m [ANIMAL/ENTOM]

Nome dado a diversos insectos homópteros da familia dos afídidos, co corpo de moi pequenas dimensións (1-5 mm), con formas ápteras e aladas. Son parasitos de plantas, ás que ocasionan grandes prexuízos. O pulgón da verza (Aphis brassicae), de formas ápteras de cor verde con manchas brancas, e de formas aladas brancas pero coa cabeza e o tórax escuros, parasita as follas da verza. O pulgón do millo (Macrosiphum cereale), de formas ápteras de cor verde e de formas aladas coa cabeza e o tórax castaños, parasita sobre todo as espigas. O pulgón das roseiras (Macrosiphum rosae), de formas ápteras verdes ou ferruxinosas, e de formas aladas negras, parasita as extremidades tenras das pólas das roseiras. O pulgón da pereira e da maceira (Aphis pomi), de cor verde clara e de só formas ápteras, localízase sobre todo nas maceiras e pereiras. O pulgón do pexego (Brachycaudus persicae), de cor variable e moi brillante, parasita as follas do pexegueiro e da ameixeira. O pulgón laúdo (Eriosoma laniginosa) ten dous hóspedes, un principal, o olmo, en que produce cecidios globulosos de máis de 10 cm de diámetro, e un secundario, as raíces da pereira.