Punjab ou Panjab
Rexión de India setentrional, repartida entre India e Paquistán. Esténdese desde o Indo ao O ata o Yamuna ao L, e do Himalaia ao N ata o deserto do Thar ao S. É esencialmente unha chaira aluvial formada por cinco afluentes do Indo. O seu clima é continental rigoroso. A influencia do monzón é pouco sensible e as precipitacións son débiles e separadas por longos períodos secos. A agricultura depende do réxime estacional dos ríos. Case todo o territorio está cuberto por canais (uns 36.000 km) que conectan os ríos e distribúen as augas, o que permite cultivos de cereais, oleaxinosas, algodón, forraxe e cana de azucre. No III milenio a C xa posuía unha civilización urbana, entroncada coa mesopotámica dos sumerios. Sufriu diversas invasións: a dos persas (ss VI-IV a C), a dos gregos (s IV a C), a dos hunos (ss V-VI), a dos árabes (s VIII), a dos turcos (ss X-XII) e a dos afgáns (ss XII-XIII). Parte do sultanato de Delhi foi dominado polos mongois (ss XVI e XVII), que impulsaron a economía e a cultura. Os marathi ocupárona en 1739 e, máis tarde, os sikh, que se aliaron (1809) cos británicos. Despois da independencia de India (1947), a maior parte pasou a Paquistán Occidental.