Punta dos Prados, castro de
Xacemento situado en Espasante (Ortigueira), datado entre os ss I a C e III d C. O achado máis importante foi un monumento con forno, con funcións de baño público, construído en pendente para facilitar o abastecemento e desaugue da auga. Realizado con xistos, presenta vestíbulo semicircular, antecámara trapezoidal, cámara rectangular cuberta por unha bóveda e, no extremo oposto á entrada, unha piscina rectangular. O forno, onde se quentaba a auga, cóbrese cunha falsa bóveda arquitrabada que comunica por unha canle cara á cámara. Nunha sala absidial almacenábase a leña. No exterior da estrutura apareceron uns muros que a protexían e, no lado O da mesma, discorre o canal de desaugue da cámara, que conducía a auga cara á praia. Os restos materiais recuperados foron fragmentos de cerámica castrexa, de cerámica común romana, ademais de fíbulas e alfinetes. Tamén apareceron restos propios da actividade do castro, como bronce, ferro, moldes e escouras de fundicións, cunchas e ósos de animais.