purgatorio

purgatorio

(< lat purgatorĭus ‘que purifica’)

  1. s m [RELIX]

    Lugar ou estado de expiación temporal, segundo a teoloxía católica, en que as ánimas dos xustos, mortos en estado de graza, pero non ben limpas aínda das culpas veniais ou das penas por culpas mortais xa perdoadas, se purgan antes de ser admitidas definitivamente no ceo. Xunto co ceo e o inferno, é un dos reinos da ultratumba católica. As ánimas que alí se atopan poden ser axudadas polas pregarias dos fieis e especialmente polo sacrificio da misa. Tertuliano, Oríxenes, Cebrián, Lactancio, Ambrosio, Gregorio de Nisa, Agustín e Gregorio I o Magno sostiveron a existencia do purgatorio, pero a súa doutrina non recibiu a formulación dogmática ata o Concilio de Trento. Os reformadores protestantes, sobre todo Calvino e Zwingli, proscribiron a crenza no purgatorio.

  2. s m [RELIX]

    Taboado, moi espectacular e monumental, que se montaba en moitas igrexas parroquiais durante o novenario das ánimas que se celebra ao comezar novembro, con sermóns, cantos penitenciais e absolventes, na Confraría das Ánimas do Purgatorio.