Patagonia

Patagonia

Rexión fisiográfica de América do Sur, situada no extremo S de Arxentina e Chile. Comeza ao S do río Colorado, en Arxentina, e remata en Tierra del Fuego. Constitúe unha rexión administrativa arxentina, coas provincias de Chubut, Neuquén, Río Negro, Santa Cruz e Tierra del Fuego. É un dos tres grandes escudos paleozoicos de América do Sur. Trátase dunha penechaira que chega a rozar os dobramentos dos Andes. Os cursos fluviais, ríos Negro e Chubut, están profundamente encaixados. O clima é frío, árido e ventoso. A vexetación componse de estepa arbustiva e, cara ao S, de sabana. A produción céntrase na gandaría lanar e equina e na explotación dos xacementos de petróleo. Foi habitada en época precolombiana por indios tehuelches, gennakens e araucanos, de economía cazadora e nómade, modificada coa aparición do cabalo. Fernão de Magalhães explorou as súas costas (1520) e Simón de Alcazaba penetrou no interior (1535). Ata finais do s XVIII non se fundou a cidade de Carmen de Patagones por Francisco de Viedma. A colonización comezou de feito en 1880, cando só se fixera a fundación de Punta Arenas en territorio chileno e de Colonia Sarmiento, poboada por galeses. Diversas campañas militares aniquilaron a poboación indíxena e desde Chile e Arxentina comezaron a chegar colonos europeos.