Pero Meogo Mẽogo, Mõogo
Xograr, probablemente galego. De difícil identificación, na documentación galega do s XIII, fálase dun homonimo clérigo de Sanfins e dun clérigo de Banga (Ourense), ligado ao mosteiro de Toxos Outos. Tamén se relaciona cun notario de Santiago de Compostela. A súa colocación no hipotético Cancioneiro de Xograres Galegos ratifica a súa procedencia galega. Estivo activo na segunda metade do s XIII. Consérvanse nove cantigas de amigo, transmitidas polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional. Todas elas forman un conxunto coherente, trabado pola recorrencia de temas e símbolos novidosos, coa incorporación de elementos eróticos como o cervo ou a fonte, a medio camiño entre a cantiga narrativa e a de amigo. No apartado estrutural, o autor emprega recursos estilísticos de repetición, característicos da lírica galego-portuguesa, nunha serie de diálogos ou soliloquios entre nai e filla, onde as referencias á natureza e as descricións da paisaxe son constantes. No apartado rítmico hai que destacar a asonancia dos versos, a presenza do refrán -agás nunha das cantigas-, e o emprego de aliteracións. Destacan “Levou-s’ a louçana, levou-s’ a velida” e “Enas verdes ervas” con referencia ao lavado dos cabelos da muller, especialmente a segunda en que aparecen paralelismos, aliteracións e leixaprén.