Plácido/Plácida
Antropónimo de orixe latina derivado de placĭdus, co significado de ‘plácido, suave, tranquilo’, por derivación do verbo placeo ‘pracer’, que designaba aquilo que era ‘agradable’. Por influencia de pax ‘paz’ adquiriu o sentido de ‘quedo, apracible, sosegado’. Presenta como hipocorístico a forma Pacho. Con este nome destacan san Plácido (s VI), que fundou os primeiros mosteiros beneditinos en Sicilia, e santa Plácida de Rubiáns, virxe e mártir, cuxas reliquias viaxaron do cemiterio de San Ciríaco de Roma á súa igrexa parroquial en Galicia. A festividade de san Plácido celebrábase o 5 de outubro, ata que o Concilio Vaticano II o eliminou do calendario litúrxico universal, mentres que a santa de Rubiáns se celebra o primeiro domingo de setembro.