Progreso, El

Progreso, El

Diario publicado en Lugo a partir do 17 de agosto de 1908. Tivo, entre outros subtítulos, “Diario Liberal”, “Diario político y de información” ou “Diario de información”. Fundado por Purificación de Cora y Mas Villafuerte e Fernando Pardo Suárez, o seu primeiro director foi Xosé Gayoso Castro; ocuparon este cargo sucesivamente os seus fundadores, diversos membros da familia Cora, como Antonio de Cora y Sabater, Purificación de Cora Sabater e José de Cora Paradela, ademais de reputados xornalistas, como Xosé Trapero Pardo, Pedro de Llano López, Fernando Salgado e Lois Caeiro. Desde o seu inicial compromiso co Partido Liberal e cunha marcada tendencia monterista, o xornal foi evolucionando cara a un compromiso coa información local, o que o converteu no periódico líder en Lugo e un dos máis importantes da provincia. Desde as primeiras edicións, Antonio de Cora creou o personaxe xornalístico de Pelúdez, un dos símbolos do xornal, que aparece polas festas do San Froilán. Tras varios cambios de periodicidade e tamaño, e o paso pola rotativa plana, a linotipia e a rotoplana, a partir de 1970 dispuxo dunha nova rotativa que lle permitiu editar revistas, libros e suplementos propios. Deulle un maior peso á literatura a través dos suplementos “Parlamento de las letras gallegas”, dirixido por Ánxel Fole a partir de febreiro de 1961, e “Táboa redonda” (1970), promovido tamén por Fole e con dirección de Juan Soto, onde se publicaron monográficos dos máis destacados autores galegos, como Castelao, Otero Pedrayo e Luís Pimentel, e contou coas colaboracións de escritores e estudosos da lingua galega, como X. Alonso Montero, Darío X. Cabana, Antón Costa, Á. Cunqueiro, M. A. Fernán-Vello, Xosé Filgueira Valverde, Bernardino Graña, Paco Martín, X. Rábade Paredes, C. Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro e Ramón Villares. En 1975, o xornal cambiou o tradicional formato saba polo tabloide e en xullo de 1983 comezou a edición dun suplemento dominical. Desde 1996 incluíu a cor nas súas páxinas.