Progreso, Grupo de Empresas El
Grupo empresarial de medios de comunicación constituído a partir da década de 1990 e que ten como empresa matriz o xornal El Progreso. Presidido por Blanca García Montenegro, as primeiras empresas do grupo foron Produtora TV El Progreso e El Progreso-Artes Gráficas (1992), á que se lle uniu, en 1996, a televisión local Lugovisión. En novembro de 1998 o grupo adquiriu a outra televisión local da provincia, Televisión de Lugo, e, coa fusión de ambas, creou Telelugo, que en 2001 se incorporou a Localia, do Grupo PRISA. O 10 de xaneiro de 1997 creouse LugoPress, a filial para producións audiovisuais. O grupo complétase co semanario La Comarca del Eo, que se publica en Ribadeo desde 1919 e o Diario de Pontevedra, que entrou o 25 de xuño de 1999. A sociedade, que tamén participa na Axencia Galega de Noticias (AGN), constituída en 1986, converteuse en accionista do Grupo R en 1998.