Pueblo Gallego, El
Xornal publicado en Vigo a partir do 27 de xaneiro de 1924. Cesou o 17 de xuño de 1979 (nº 20.661). Fundado por Manuel Portela Valladares, o seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato, quen cesou en 1927, cando pasou á dirección o seu fundador. Naceu por iniciativa da Liga de Defensores de Vigo, un grupo liberal que estaba ligado ao seu fundador. A propia Liga adquiriu os obradoiros de La Concordia, para editar os dous xornais. Distínguense dúas etapas na publicación. Durante a primeira, desde a súa fundación ata xullo de 1936, moveuse por distintas tendencias, desde o anticaciquismo ata os posicionamentos liberais achegados ao PSOE, o nacionalismo e o galeguismo próximo á Xeración Nós. Naqueles anos mantivo loitas co conservador Faro de Vigo e co liberal-galeguista Galicia. O xornal acadou gran prestixio popular, baseado na óptica política e cultural desde a que abordou os cambios sociais e do galeguismo, así como polo seu interese na galeguización do ensino e a promoción do idioma. A partir de 1936 comezou a segunda época, despois de quedar baixo o control da Falanxe, primeiro, e do Movemento Nacional, despois, dentro da Cadena de Prensa y Radio del Movimiento como outro voceiro máis do goberno franquista. Durante estes anos tivo sucesivos directores e, tras a morte de Franco, as súas tendencias políticas foron centristas, próximas á UCD. A súa desaparición estivo marcada pola do propio grupo de medios afín ao franquismo.