Québec

Québec

Capital da provincia de Québec, Canadá (169.076 h [2001]), situada á beira N do San Lourenzo. As áreas industriais sitúanse na cidade baixa e moi preto do porto fluvial. É unha cidade de funcións basicamente terciarias. A industria produce pasta de papel, produtos alimentarios, confección e tabacos. Tamén destaca a industria naval e a refinaría de petróleo en Saint-Romuald, na área suburbana. Fundouna o francés Samuel de Champlain en 1608 como forte e centro do comercio colonial de peles, e é a cidade máis antiga de Canadá. En 1663 o bispo Laval fundou nela un seminario que se converteu posteriormente na universidade, a máis antiga de Canadá. Atacada polos ingleses dúas veces sen éxito (1639 e 1711), foi conquistada en 1759 e incorporada ao Imperio Británico pola Paz de París de 1763. Foi sempre a capital legal da provincia e a espiritual de todos os canadenses de fala francesa. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1985).