quechua

quechua
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos quechuas ou á súa lingua.

  2. s [ETN]

    Individuo do pobo quechua.

  3. s m pl [ETN]

    Pobo amerindio, de raza andina, que vivía na rexión do alto Apurimac e de Urubamba (Perú), que foron sometidos polos incas (1430). Viven en grupos illados nos altiplanos dos Andes, practican unha agricultura sinxela e dedícanse á artesanía, da que destaca a cerámica.

  4. s m [LING]

    Lingua da familia quechumara do phylum amerindio, que se fala extensamente, en varios dialectos, en Perú, Ecuador e Bolivia, e tamén no S de Colombia e no N de Arxentina. Presenta unha gran diversificación interna e conta con dous dialectos principais: o de Cuzco, que é a forma normativa boliviana, e o de Ayacucho, normativa peruana. A principal diferenza entre ambas as dúas é fonolóxica: o quechua do Cuzco presenta unha oposición tripla nas oclusivas e africadas, aínda que tamén hai diferenzas menores gramaticais. Unha clasificación tradicional divide o quechua nos seguintes grupos: a) Quechua I ou wáywash que se estende ao longo da Sierra Central peruana, tendo unha rama setentrional nos departamentos de Ancash e Huánuco e outra meridional nos departamentos de Pasco, Junín, Lima e as serras do nordés dos departamentos de Ica e Huancavelica. b) Quechua II ou wampu subdivídese en A, B e C e esténdese polo SO de Colombia e o N de Ecuador ata o NO arxentino: o quechua IIA diferenza unha rama setentrional (dialectos Cañaris-Incahuasi e Cajamarca), unha central (dialecto Pacaraos) e unha meridional (dialectos de Laraos e Lincha): o IIB é a rama setentrional (dialectos colombo-ecuatorianos e peruanos nororientais) e IIC a rama meridional (dialectos ayacuchano, cuzqueño, bolivianos e de Santiago del Estero), ambos os dous englobados no subconxunto chínchay.

  5. literatura quechua [LIT]

    Literatura cultivada en lingua quechua. O seu coñecemento presenta certas dificultades debido a que a época dourada da cultura homónima non coincide coa época en que se fixaron os testemuños escritos; a primeira é de soberanía inca; a segunda, de dominación castelá. As composicións que se transmitiron a través dos cronistas teñen un carácter relixioso, histórico e agrario (jailli), amoroso (arawi) e de xéneros diversos. Tamén cultivou o teatro, como a obra Apu Ollantay (anterior a 1532); ou o auto sacramental como Uska pawqar (s XVII). En canto á tradición mítica oral destaca o corpus de textos que recolleu o capelán de Waruchiri F. de Ávila (s XVII). Durante a época colonial producíronse diversos esforzos de codificación gramatical e lexicográfica da lingua. Despois da independencia, a creatividade literaria continuou con autores que cultivaron sobre todo poesía lírica e, ocasionalmente, temas históricos. A súa situación de diglosia fai que a súa produción cultural estea condenada ao folclore oral ou se sitúe na parte pintoresca de pequenos grupos de literatos.

Palabras veciñas

quebraxeos | quecemento | quecer | quechua | quechumara | queda | quedada